O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), centrado na investigación e difusión de servizos de cálculo intensivo e comunicacións avanzadas, vén de comprometerse coas compañías Supermicro (con sede en San Jose, California) e Flytech (distribuidor en España) a probar un novo tipo de procesador many-core chamado Intel Xeon Phi. Os encargados de levar a cabo este ensaio serán os técnicos do centro compostelán de I+D (que foi seleccionado como un dos primeiros laboratorios en Europa), os usuarios/as das universidades galegas e o Consello Superior de Investigacións Científicas.
Emporiso, o CESGA xa contaba -mesmo antes da posta en escena no mercado- cun dos prototipos do devandito procesador, pois o Intel Xeon Phi presentábase o 15 de novembro na conferencia Supercomputing 2012 de Salt Lake City (Utah, EE.UU.).
Indo ao miolo do computador, este modelo ten 60 núcleos de proceso por cartón e para a súa fabricación empregouse un proceso máis limpo e respectuoso co medio ambiente. O Intel Xeon Phi amosa uns consumos enerxéticos máis baixos que o resto de procesadores, sendo esta particularidade a responsable de que esta máquina sexa máis ecolóxica que as súas antecesoras.
E que servizos achegará este procesador? Pois empregarase para xerar predicións meteorolóxicas e oceanográficas máis fiables, para estudar o clima espacial e poder predicir a chegada e os efectos de tormentas solares con antelación abonda. Asemade, agárdase que o Intel Xeon Phi -coa súa abraiante capacidade de cálculo- contribúa a revolucionar os deseños en enxeñaría, a nanotecnoloxía e áreas da saúde como o descubrimento e o deseño de novos fármacos.
Engadir que o rendemento resulta espectacular para os baixos consumos que presenta e supón unha promesa para a mellora das aplicacións que se poidan beneficiar de gran cantidade de núcleos de proceso. Así, cadanseu cartón (con 60 núcleos de proceso) achega capacidades superiores ao Teraflop; ou sexa: cun puñado de cartóns poderíase construír unha máquina coa mesma capacidade de cálculo que un supercomputador de hai apenas uns anos.
O CESGA, elixido para probar o novo procesador de Intel
Compartir Este Artigo
