
O CPEIG quere con este galardón facer un recoñecemento público a aposta que o concello coruñés está a realizar pola I+D+i e as novas tecnoloxías, “dous desafíos esencias para o desenvolvemento económico e social da cidade herculina, e de Galicia en xeral”.
Segundo salienta a carta remitida polo ente colexial ao alcalde da Coruña, Carlos Negreira, para comunicarlle a concesión do premio, “a sensibilidade tecnolóxica amosada avala á Coruña como a primeira cidade galega que forma parte da Rede Española de Cidades Intelixentes”.
O Concello da Coruña, pola súa parte, está a recibir a nova con gran satisfacción, xa que certifica, segundo sinala o tenente de Alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, que o camiño escollido e percorrido é o correcto. Ao seu xuízo, todo o proxecto ten a mellora da calidade de vida da cidadanía e a potenciación das empresas TIC entre os seus obxectivos principais. A continuación, reproducimos a nosa conversa recente co tenente de Alcalde.
– Que constitúe este premio para os responsables deste proxecto?
– Unha satisfacción, un reto e un acicate. Unha satisfacción porque amosa que o camiño escollido e o percorrido que levamos feito parece o correcto. Estannos a avalar entidades alleas á política, á xestión municipal e mesmo alleas á Administración pública. Dalgún xeito significa que o proceso marcado polo Goberno municipal: Axenda Dixital, Proxecto Smart Coruña e Plan Director das TIC no Concello da Coruña é o camiño correcto a seguir.
– En liñas xerais, que vai significar esta experiencia para A Coruña e, por extensión para o futuro das cidades conectadas? Galicia, a través da experiencia coruñesa, pode ser referente mundial en espazos urbanos dixitais?
– O Goberno municipal da Coruña concibe un proxecto cos seguintes obxectivos:
Un proxecto de I+D+i que proporcionará infraestruturas experimentais de investigación na Internet do futuro / Internet das cousas.
Un proxecto de apoio á I+D da Universidade da Coruña, que favorecerá a súa internacionalización.
Un proxecto concibido para o desenvolvemento e a internacionalización do sector TIC.
Un proxecto cun potente efecto tractor: desenvolvemento socioeconómico, atracción de investimentos foráneas, innovación, etc.
Un proxecto para a potenciación da Coruña como polo tecnolóxico TIC de Galicia.
Un proxecto que permitirá dispoñer, na Coruña, dunha infraestrutura para novos proxectos de I+D e para novos desenvolvementos tecnolóxicos.
Un proxecto para o emprego e a xeración, retención e vinculación de talento.
Un proxecto focalizado cara á creación de novas empresas, orientación á excelencia das existentes, apoio á innovación e fomento da verdadeira clusterización do sector.
Pensamos que o proxecto terá impacto no conxunto da área territorial da Coruña metropolitana, reestruturará o rol da Coruña no sistema urbano de Galicia e do norte de Portugal e incidirá favorablemente no despregamento da Axenda Dixital do Eixo Atlántico.
– A nivel de cidadáns, que beneficios van atopar a través de Coruña Smart City? E a nivel de empresas? Cando comezaremos a ver os primeiros froitos da experiencia?
– O noso proxecto caracterízase por ter á cidadanía no centro do sistema. Isto faise para mellorar a calidade de vida da nosa sociedade, para optimizar os servizos públicos que se lle prestan. Doutro xeito (a tecnoloxía pola tecnoloxía) non tería ningún sentido. O Goberno da Coruña impulsa un proxecto que dotará de modelo e impulsará a nosa concepción da Administración Electrónica, que persegue a xestión integrada da cidade, sobre a base da construción física e lóxica dun Centro integral de xestión da información urbana concibido para implementar unha ferramenta de coñecemento da cidade (escoitar e comprender) e de pilotaxe da súa dirección estratéxica, xestionada por Cadros de Mando (Balanced scorecard). Un proxecto que apoie o establecemento de confianza dixital na poboación coruñesa. Estamos a elaborar unha normativa sobre desenvolvemento da Administración Electrónica, a transparencia e a reutilización da información no sector público, sobre a presenza institucional en Internet, etc.
Pensamos que os primeiros froitos da experiencia xa se están a ver: presentáronse sete ofertas que aglutinan o coñecemento de 84 empresas e entidades públicas e privadas. Xa estamos a acadar que o sector TIC coruñés e galego busque alianzas estratéxicas para medrar, para se internacionalizar, para lograr a excelencia.
Os cidadáns verán claras melloras ao longo do 2013 co desenvolvemento de normativa que facilite o despregamento da Administración Electrónica e percibirán melloras directas na prestación dos servizos públicos dende mediados do 2013. Ademais, mellorar a eficacia dos servizos implica xestionalos mellor, aforrar o que permitirá que medre outro tipo de gasto mais necesario nestes momentos.
– O CPEIG valorou a sensibilidade tecnolóxica amosada polo Concello herculino, unha predisposición que a levou a converterse na “primeira cidade galega que forma parte da Rede Española de Cidades Intelixentes”. A que responde esta sensibilidade?
– A Coruña é fundadora da RECI, lidera o seu Grupo Técnico de Innovación Social. A Coruña é, dende hai escasas semanas, vicepresidenta do Buró Executivo da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico (que agrupa a máis de 100 entidades da cornixa atlántica europea) e lidera o Comité Técnico de Smart Atlantic Cities. A Coruña preside a Comisión de Planeamento, Infraestruturas e Territorio do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular (onde se dirixe a Axenda Dixital do Eixo). Semella evidente que esta sensibilidade responde a un principio: cremos firmemente no papel das cidades para tratar de saír do contexto actual de crise e cremos na potencialidade das TIC para dar pulo á nosa cidade.
A Coruña salienta as vantaxes do seu proxecto Smart City de cara á cidadanía e as empresas TIC
Compartir Este Artigo
