O proxecto IntelligenTIC, posto en marcha pola asociación INEO e máis a Agrupación Empresarial Innovadora de Seguridade, xa é unha realidade da que as nosas empresas, institucións e cidadáns de a pé poderán comezar a tirar proveito. Trátase dunha proposta co seguinte obxectivo: sentar os alicerces para un desenvolvemento racional, eficiente e coordinado do concepto Smart Cities & Communities. A través deste proxecto, avalíanse as cidades intelixentes de maior suceso e extrapolaranse os seus resultados a aquelas localidades que estean a dar os primeiros pasos neste eido. A iniciativa preséntase oficialmente o 29 de novembro, no Congreso Nacional de Cidades Intelixentes, que reunirá en Ponferrada a todos os axentes implicados no desenvolvemento do concepto Smart City en España.
Este concepto, sinala INEO, pretende ser a chave para mellorar a rendibilidade das cidades en aspectos como a xestión, a mobilidade, a eficiencia enerxética e a integración de todos os axentes que interveñen na xestión urbana. E, todo, aproveitando as posibilidades que as TIC ofrecen nestes ámbitos. IntelligenTIC pretende tirar o máximo rendemento da experiencia e dos coñecementos das Smart Cities que xa están en marcha, para trasladar este know-how a cidades que inician agora este camiño. E que deben facelo aproveitando as vantaxes da innovación colaborativa, unha idea que está moi presente nas Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEIs), constituídas por empresas e centros de investigación e formación que partillan un espazo xeográfico e/ou unha área de traballo e que colaboran entre si para desenvolver proxectos de innovación.
Este proxecto, que xa está en marcha, identificará puntos de encontro entre as AEI`s implicadas nos seis alicerces dunha Smart City: economía, persoas, goberno, mobilidade, medio ambiente e vida diaria. Co obxectivo de desenvolver proxectos trans-sectoriais, integrados nunha estratexia común de sostibilidade e eficiencia.
Fican meses de traballo por diante, para identificar iniciativas Smart Cities en máis de 40 cidades españolas, artellar un grande pacto entre os máis de 70 axentes implicados neste concepto, crear un catálogo de urbes intelixentes e mais un catálogo de axentes e sinerxias e definir un Plan de Acción Conxunta que sente as bases do crecemento económico das seis cidades seleccionadas para desenvolver plenamente o concepto de Smart Ciy, segundo informa a asociación INEO.
INEO lidera un proxecto para impulsar o desenvolvemento de smart cities no eido estatal
Compartir Este Artigo
