A compañía galega desenvolvedora de solucións para a xestión integral de elementos en mobilidade Satdata, vai comercializar a partir do ano que vén un novo dispositivo da súa gama plug & play orientado á seguridade infantil e que levará por nome SATELLITE Kids. Trataríase dun dispositivo portátil que mediante posicionamento, transmisións de datos a través de GPRS e comunicación satelital permitirá aos pais ou titores legais de menores coñecer en todo momento onde se atopan os seus fillos, a velocidade á que están a desprazarse (sen van en vehículos) e descargar as rutas que fixeran durante o día.
A información achegada a través de SATELLITE Kids poderá consultarse en tempo real dende o ordenador ou o móbil, contribuíndo á tranquilidade dos pais, que poderán localizar de xeito doado aos seus cativos en numerosas situacións onde é posible que se perdan, así como poderá levarse un control dos mozos que estean de viaxe (ou simplemente empregando o automóbil).

O dispositivo localizador terá un tamaño moi inferior ao dun móbil, venderase nun paquete que incluirá o dispositivo, a súa licenza de software e o servizo de comunicacións durante un ano, e dende Satdata aseguran que o segundo ano de licenza e servizo tería un prezo dun 20% do lote completo. Inicialmente estará dispoñible para o territorio español, aínda que durante o ano que vén contan con lanzar versións que permitan a cobertura no resto da U.E. e a nivel mundial.
Satdata prepara unha solución de localización de menores
Compartir Este Artigo
