Sábese que moitos proxectos fin de carreira agochan ideas ben innovadoras e de grande éxito tras eles, este ben podería ser o caso do traballo que o estudante de Enxeñaría de Telecomunicación Iván Pérez propón para pechar os seus estudos. Trátase dunha aplicación Android para persoas con discapacidades auditivas de cara á visualización de subtítulos nos cines. En palabras do propio creador: “O enxeño estaría indicado para que persoas con discapacidades auditivas poidan ir ao cine e ver no seu propio teléfono móbil os subtítulos sincronizados da película que se está proxectando”.
Emporiso, a sala de proxección ten que contar cun servidor onde se garden os subtítulos e se dea información para a sincronización, así o usuario chegaría ao cinema, lanzaría a aplicación que se comunicaría con este servidor que lle amosaría os subtítulos no seu dispositivo móbil. Outro uso que ben se lle podería dar a esta aplicación sería o de ser empregada por persoas que descoñezan o idioma proxectado no filme, amosando os subtítulos nunha lingua intelixible (un estranxeiro que vai o cine no país visitado). E como sería o mecanismo deste sistema? Pois constaría de dúas partes: o xestor de arquivos no servidor e a aplicación Android, que permitiría que cadaquén configure as cores de texto e fondo, así como o tamaño da fonte e o idioma.
Segundo apunta Iván Pérez esta ferramenta tería un custo baixo e sería unha aplicación ben doada, só sería preciso que o cinema tivese un PC (servidor) para amorear os subtítulos e unha conexión Wi-Fi para acceder ao mesmo. Con todo, a aplicación para Android xa se atopa dispoñible de balde na web de Accegal, proxecto no que se enmarca esta iniciativa e que busca solucións para persoas con diferentes tipos de discapacidade.
Para que a proposta exposta fose perfecta tería que ser completada cunhas gafas que sobrepoñan os subtítulos na imaxe do filme co gallo de evitar ler as letras no móbil e non perder detalle da película. Informa Iván Pérez que as ditas lentes xa existen nalgunhas salas de cine de Sony dos EE.UU., mais estamos a falar dun sistema privativo, aínda que a día de hoxe Google está a traballar nunhas gafas deste tipo.
Tecnoloxía galega para que as persoas con discapacidade auditiva poidan ver subtítulos no cinema
Compartir Este Artigo
