A AMTEGA celebrou esta mañá a Xornada Uso das Redes Sociais e a web 2.0 na entidades de Acción Social, iniciativa enmarcada no Programa de Voluntariado Dixital que busca axudar a integrar esta forma de comunicación na estratexia xeral de marketing 2.0 das entidades sociais adheridas ao Programa.
A xornada, na que participaron 50 integrantes de organizacións sociais, comezou cunha conferencia de Moisés Limia, do Grupo de Investigación de Novos Medios da Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, que expuxo o seu coñecemento sobre infotendencias, redes sociais e as diversas formas de participación social xurdidas a través da web 2.0.
O Grupo Novos Medios da USC é un grupo de investigación que, entre outras liñas de actuación, centra a súa actividade no estudo das demandas dos novos consumidores, anunciantes e audiencias así como as perspectivas e tendencias no ámbito da comunicación na Unión Europea. Realiza tamén un estudo continuo dos medios electrónicos e impresos e unha análise permanente dos produtos informativos dos mercados globais e locais.
Tras o relatorio tivo lugar unha demostración de caso práctico da man de TUAPLI, unha empresa do sector TIC galego pioneira en Galicia no ámbito da definición de estratexias de marketing dixital a través das redes sociais.
O seminario rematou cun debate sobre a comunicación online e as facilidades que ofrece ás entidades de acción social para comunicarse dunha forma diferente á tradicional, máis próxima aos seus colectivos de actuación e con infinitas posibilidades para pulsar a opinión e receptividade da súa mensaxe e dos seus proxectos solidarios.
Unha xornada achegou as vantaxes da web social ás entidades de acción social
Compartir Este Artigo
