Para a Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense non abonda con recibir traballos de investigación tecnolóxica de valor, da man do seu alumnado. Cómpre animar aos estudantes a poñelos en valor e impulsar estratexias, dende o eido da Universidade, que contribúan a amosalos e recoñecelos publicamente. Nesta liña insírese o Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, que vai pola súa edición número 12, apostando especialmente “polo talento como saída á crise”. O certame foi presentado nos seus detalles este xoves, nunha cita cos medios que contou coa presenza de Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense; Alejandro Rubín, director xerente de Expourense, e Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense.
O Concurso de Proxectos Tecnolóxicos consta de dúas modalidades. Pode participar o alumnado das Universidades de Vigo, da Coruña, de Santiago e das Escolas Universitarias do Norte de Portugal. Nunha das modalidades concorrerán os estudantes de Enxeñaría Informática; Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías da Telecomunicación; Enxeñaría Técnica Informática e Enxeñaría Técnica de Telecomunicación. Na outra, poderán facelo os de Enxeñaría Informática e Enxeñería de Telecomunicación e os traballos de fin de mestrado de estudos relacionados co eido das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC). A data límite de inscrición é o 28 de novembro.
Os premios deste concurso serán entregados na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense o xoves día 13 de decembro. O xurado reunirase ese mesmo día e nomeará aos finalistas, que terán que defender o seu traballo durante dez minutos. Aos gañadores concederáselles tres premios en cadansúa categoría cuxa contía ascende a 2.100 euros, sendo os primeiros premios de 500 e de 700 euros, respectivamente. Un dos requirimentos para poder participar neste concurso será a creación dunha páxina en Facebook no que se publicará toda a información textual, fotos, vídeos, etc, que se considere oportuno sobre o seu proxecto.
O concurso rematará cun xantar de convivencia entre os participantes.
Presentada en Ourense a nova edición do certame de proxectos TIC do noso alumnado universitario
Compartir Este Artigo
