A operadora Telefónica vén de informar que pensa reducir ata nun terzo as súas emisións de CO2, directas e indirectas, para o ano 2020. Sinalar que ditas achegas de gas causante do efecto invernadoiro (que contribúe ao quecemento da Terra) roldaban en 2010 a cifra de 1,7 toneladas (medidas por acceso de cliente equivalente). A empresa, que fixo público este compromiso co medio ambiente no marco da terceira edición do Workshop Global de Enerxía que se celebrou en Santiago de Chile, traballará neste obxectivo a través de tres grandes liñas de actuación: a mellora da eficacia enerxética na rede con proxectos para reducir o gasto en electricidade (o principal causante das emisións) e reducindo o consumo de combustibles fósiles en grupos electróxenos e en flotas de vehículos (apostando por motores eléctricos ou híbridos ou acurtando percorridos a través dunha mellora do rendemento da flota de seu).
Asemade, tamén se pretende aumentar a autoxeración de enerxía renovable onde a electricidade sexa de difícil acceso. O obxectivo de redución de emisións de Telefónica aséntase “nun sólido proceso de monitorización e medición construído ao longo de cinco anos”, informou a operadora. Na actualidade, a compañía conta con inventarios anuais verificados por AENOR de consumos de enerxía e de emisións de efecto invernadoiro, este último de acordo á norma ISO 14064, o GHG Protocol e a metodoloxía ITU-1420. Ao fío disto, Telefónica asegura que acadou no seu seo unha redución de case un 20% do consumo enerxético en redes, o que significa que está a só un terzo de cumprir o seu compromiso para o ano 2015. Dende 2007 lográronse uns aforros de ao redor de 22 millóns de euros, engade. Para máis información, cómpre visitar a web de responsabilidade corporativa e sostibilidade de Telefónica.
Telefónica quere reducir nun terzo as súas emisións de gases contaminantes
Compartir Este Artigo
