Con varios premios tras de si, o proxecto Berce levado a cabo por dous mozos investigadores -Rubén Míguez e Víctor M. Alonso- ao longo dos últimos cinco anos no grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos da Universidade constituíuse dende hai uns días como empresa, logo de deixar atrás a pre-incubadora da Universidade e comezar coa “mudanza” ao viveiro de empresas situado no Multicentro de Porriño.
O proxecto Berce consiste nunha aplicación TIC encamiñada á educación infantil, fundamentada no desenvolvemento dunha ferramenta grazas á cal calquera escola dotada de conexión a Internet poderá, de forma gratuíta, crear e publicar vídeos que deixan ver o día a día da aprendizaxe e progreso dos nenos no centro, información a disposición dos pais en calquera intre e coa posibilidade de participar engadindo as súas propias observacións.
Cómpre dicir que a día de hoxe o proxecto atópase xa na fase final de desenvolvemento da aplicación prototipo. En outubro comezaba unha proba piloto con diferentes escolas infantís, catro delas pertencen á rede do consorcio (Nigrán, Gondomar, Vigo e San Roque, en Santiago de Compostela) e as outras seis dependen do Concello de Vigo (Santa Cristina, Atalaia, Santa Marta, Saiáns, Bouzas e Tomás Alonso). Será a partir de xaneiro cando as familias se poidan incorporar ás probas para ir mellorando a aplicación, segundo apuntou Míguez, quen engadiu que o obxectivo é comezar a comercialización do produto a partir de abril de 2013.
O proxecto Berce conta con numerosos recoñecementos como por exemplo o I Premio Antonio Palacios á Innovación, Premio INCUVI-Emprende 2012 ou o Premio nacional de emprendemento universitario.
Por último, informar que o certame do Concello de Porriño tamén quixo premiar co galardón Junior a outro membro da Cidade Universitaria, o ITSIGN, un traballo centrado no deseño de sistemas de sinalización viaria intelixentes e liderado por Avelino Pérez Rodríguez e David Rodríguez Bello, da Escola de Enxeñaría Industrial.
O proxecto Berce bota a andar de xeito independente
Compartir Este Artigo
