Antes de rematar o ano France Télécom a través da súa marca Orange ten previsto a adquisición por preto de 30 millóns de dólares do Operador Móbil Virtual (OMV) de KPN, Simyo, o que parece ser un paso máis para facerse tamén polo operador móbil de Telia Sonera, Yoigo, durante os primeiros meses de 2013, operacións que mellorarían considerablemente a súa posición no noso mercado.
Dende ElEconomista aseguran que a adquisición de Simyo por parte de Orange podería materializarse a semana que vén, mentres que os achegamentos a Yoigo realizaríanse con máis calma (pois outras compañías como Vodafone tamén poderían ter interese en facerse con este operador). A compra de Simyo por parte de Orange sería a primeira grande operación deste tipo en España dende hai uns 5 anos, cando Vodafone adquiriu Tele 2 por 775 millóns de euros, xa que nos últimos tempos os operadores optaron por consolidarse a través dos seus negocios locais en vez de absorber aos seus rivais para facer o propio.
Actualmente Orange conta con 11,8 millóns de usuarios móbiles en España, e de integrar os 400.000 de Simyo e os 3,7 millóns de Yoigo podería achegarse significativamente aos 16,3 millóns de Vodafone, avanzando no seu obxectivo de converterse no segundo operador do país.
Orange podería mercar Simyo nos vindeiros días
Compartir Este Artigo
