A entidade do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo red.es vén de publicar a licitación da Rede Dixital de Emerxencias de Galicia, por un importe de 6,5 millóns de euros, dos cales 4.567.500 € serán achegados por esta entidade pública empresarial, grazas á contribución do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e 1.957.500 pola Xunta de Galicia. Así se recolleu nun convenio asinado entre as Consellerías de Presidencia e Administracións Públicas, Medio Rural e do Mar, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e red.es.
O obxectivo é que Galicia conte cunha rede de emerxencias propia que integrará a todos os colectivos que participan na resolución deste tipo de situacións. A nova rede dixital, que comezará a implantarse ao longo de 2013, facilitará unha intervención efectiva e eficaz dos efectivos implicados e simplificará as tarefas de coordinación entre eles. A rede empregará o estándar TETRA, a tecnoloxía recomendada a nivel europeo para este tipo de comunicacións vinculadas á seguridade pública e empregada en centos de redes de máis de 100 países.
Para crear a nova rede de emerxencias despregaranse infraestruturas de telecomunicacións para o que se aproveitarán as implantadas no marco do Plan de Banda Larga e as redes do operador público Retegal, o que permitirá un aforro de 37 millóns de euros en 10 anos respecto ao uso de redes comerciais. A empresa pública será a encargada de xestionar a rede dixital de emerxencias.
Coa creación desta rede a Xunta disporá dun sistema que permitirá intercomunicacións inmediatas entre os distintos operativos de emerxencias de Galicia, mellorando as accións de coordinación entre eles, e substituirá os actuais sistemas analóxicos por sistemas dixitais, de acordo coa normativa recomendada a nivel europeo.
Publícase a licitación da Rede Dixital de Emerxencias de Galicia
Compartir Este Artigo
