Este xoves 13 de decembro entregábanse en Ourense os premios da edición número doce do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos. Cun nivel moi alto de participación -17 traballos presentados- dous estudantes da Universidade de Vigo facíanse cos galardóns máis salientables: Jonathan Juncal (estudante de Enxeñaría de Telecomunicación) gañador no apartado de traballos de fin de grao co seu teclado VirtualTEC para móbiles Android destinado a persoas cunha elevada discapacidade motora; e Antonio Martínez (da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense),quen acadaba o primeiro posto na modalidade de fin de mestrado coa súa aplicación para o control e a xestión dun cámping.
O segundo premio da modalidade de proxectos fin de grao foi para un sistema de xestión de contidos para medios dixitais deseñado por Ramón Antonio Parada, da Universidade da Coruña. E na categoría de fin de mestrado, o segundo e o terceiro posto ían para dous mozos da Escola Superior de Enxeñaría Informática: José Manuel Pintor, coa súa ferramenta para mellorar a calidade no cálculo dos parámetros reprodutivos en peixes, e para Juan José Ferreño, co seu sistema de captación e integración de datos clínicos no contexto de vixilancia da infección nosocomial, contraída por pacientes ingresados en recintos de atención á saúde.
Engadir á listaxe dos premiados ao estudante da Universidade da Coruña, Juan Font, polo seu traballo de análise, deseño e implementación dun sistema de audio para plataformas de vídeo sintético. Cómpre subliñar que o recoñecemento ao proxecto con máis éxito en Facebook foi para Pablo Puig, tamén da UDC, por un proxecto de estudo e integración de sistemas sensoriais para a navegación de robots móbiles en contornas complexas.
Os encargados de entregar os premios foron: Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense; Celso Barbosa, presidente do Comité Executivo de Expourense e da Cámara de Comercio de Ourense, e Rosendo Luís Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense.
VirtualTEC e unha aplicación para a xestión de campamentos, gañadores no certame de proxectos tecnolóxicos de Ourense
Compartir Este Artigo
