El Corte Inglés e Telefónica anunciaron esta semana unha alianza que xa está en activo e que se dirixe á posta en marcha de espazos de distribución de servizos e tecnoloxías innovadores. Porén, a marca diferencial desta nova iniciativa radica máis na forma adoptada polos devanditos espazos e as súas diferentes ramificacións para conectar co usuario potencial ca nos propios servizos e tecnoloxías que ofrece, aínda que tamén. Espazo Fusión, así se fai chamar a iniciativa no seu conxunto, é un paso máis nunha estratexia previa de Telefónica que, entre outras achegas, xa deu como resultado, este mes de outubro, o lanzamento de Movistar Fusión. Esta estratexia, que non é outra cousa que un novo modelo comercial, implantouse tanto en El Corte Inglés de Goya como no da Castellana, en Madrid.
Neste espazos Fusión, sinala Telefónica, “o usuario pode sentar e comprobar de xeito próximo tódalas posibilidades da conectividade e a tecnoloxía”. O obxectivo é espallar novos emprazamentos comerciais desta índole en máis sedes de El Corte Inglés, incluídas as galegas. Segundo informa ao fío desta estratexia en desenvolvemento Luís Miguel Gilpérez, presidente da división española da operadora, “queremos cambiar non só a percepción que teñen os clientes dos servizos de Movistar, senón a realidade, e para iso imos ofrecer aos nosos clientes, e aos de El Corte Inglés, tanto para os máis novos como para as persoas maiores, unha nova experiencia de ver, tocar e sentir a tecnoloxía e os servizos do catro pantallas de Movistar; non hai, nin haberá, mellor maneira de vivilos e estar enganchados e conectados a eles que estar dentro deste magnífico lugar”.
Para El Corte Inglés esta alianza enmárcase dentro da vocación do grupo empresarial por “estar sempre á vangarda das tecnoloxías, así como por ofrecer aos clientes novos produtos e servizos capaces de satisfacer todo tipo de gustos e necesidades”.
O novo Espazo Fusión
O novo espazo une todos os produtos de Movistar para crear “un punto de encontro e un lugar onde descubrir o que a tecnoloxía pode facer polo usuario”. Conta con distintas áreas para descubrir e gozar de todos os produtos Movistar. En concreto, ten unha zona para experimentar a fibra de Movistar con TV en alta definición; unha área dedicada a Internet e unha ampla exposición de smartphones e tablets de última xeración, ademais da zona de asesoramento especializada.
“Esta nova área”, informa Telefónica, “responde á necesidade dun cambio nos modelos tradicionais de venda e supón unha aposta polo asesoramento de calidade e a atención personalizada do persoal de Telyco (empresa do Grupo Telefónica), xa que o obxectivo é que o usuario teña unha relación próxima e directa coa tecnoloxía”.
Telefónica impulsa o seu novo modelo de promoción de servizos nos centros de El Corte Inglés
Compartir Este Artigo
