A asociación empresarial EGANET informou este martes da ampliación do prazo para a presentación de candidaturas para os seus premios, prazo que agora pecha o 7 de xaneiro. Como lembraremos, nestes galardóns poden participar empresas, profesionais, asociacións, organizacións empresariais ou non gobernamentais, entes públicos ou calquera organismo con sede social galega, sempre e cando tiveran desenvolvido unha iniciativa ou un proxecto directamente relacionado coas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Os Premios EGANET 2012, que teñen web de seu, celebran con esta nova entrega a súa novena edición.
Por vez primeira, os proxectos gañadores das cinco categorías, recibirán, ademais da estatuíña, un bono de formación valorado en 3.000 euros, grazas á colaboración no certame da Escola de Negocios de Novacaixagalicia.
As cinco categorías para as que se reciben candidaturas nesta edición son: Mellor Proxecto Colaborativo Empresarial TIC; Mellor proxecto Emprendedor TIC; Mellor Aplicación Software; Mellor Comunicación Dixital e Mellor Negocio Online, categorías ás que se engade o Premio Especial EGANET, para o que non se reciben candidaturas, xa que é a propia asociación a que decide outorgarllo ao proxecto, entidade ou personalidade galega que desde a última edición dos galardóns máis se esforzase en dar a coñecer e impulsar a realidade galega no contorno Internet e, deste xeito, contribuíse a promover as novas tecnoloxías en Galicia.
Estes premios, consolidados e recoñecidos polo conxunto do sector TIC galego, acumulan xa os 1.303 proxectos presentados por máis de 600 empresas.
EGANET amplía o prazo para presentación de achegas aos seus premios
Compartir Este Artigo
