A iniciativa Galicia en Coworking vai organizar o vindeiro 18 de xaneiro un encontro de networking na sede da Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense). A base desta xuntanza, que contará coa participación directa das firmas TIC galegas Egatel e Zarpamos, será o emprego da metodoloxía do speed dating, citas rápidas e breves para favorecer a axilidade no intercambio de coñecemento entre profesionais galegos da innovación. A inscrición é gratuíta e xa está aberta.
O evento comezará con dous relatorios centrados no networking. O empresario da Tecnópole Javier Taibo, director xeral de Egatel, amosará, entre outras cousas, as vantaxes de formar parte do Parque Tecnolóxico de Galicia e exporá a súa experiencia en proxectos en colaboración. Pola súa banda, Esther Lojo, directora de Relacións Internacionais de Zarpamos, presentará a súa empresa como aceleradora de proxectos baseados en Internet para emprendedores. Logo, os participantes pasarán á devandita fase de speed dating con ata 15 reunións rápidas entre eles de sete minutos cada unha. Durante a fase de inscrición, os asistentes seleccionarán aos profesionais aos que lles interesa coñecer mediante a consulta dos seus perfís. Así, cada un deles levará a súa axenda configurada en base aos intereses cruzados de todos os participantes.
Egatel e Zarpamos presidirán unha cita de networking o 18 de xaneiro na Tecnópole
Compartir Este Artigo
