A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia inaugurou hoxe en Santiago o seminario Eficiencia e Aforro de Custes nos Servizos Públicos organizado por Socinfo, onde apuntou que o 79% do orzamento da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) no 2013 investiranse en iniciativas de innovación tecnolóxica e inclusión dixital da sociedade co obxectivo de contribuír ao progreso económico e social da Comunidade.
Para a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, este esforzo inversor nun momento de difíciles priorizacións e importantes renuncias, pon de manifesto a aposta do Goberno galego polo desenvolvemento dixital de Galicia e a innovación tecnolóxica nos sectores estratéxicos, obxectivos recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2014.gal.
E neste sentido sinalou que en 2012 se acadaron dou fitos clave dous fitos clave para impulsar as medidas recollidas na estratexia tecnolóxica da Xunta: a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica e o arranque do Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI).
Ambas iniciativas marcan un punto de inflexión na política tecnolóxica da Xunta apostando por un modelo de xestión integrada das TIC. Unha vez consolidadas permitirán aforrar ás arcas públicas 20 millóns de euros anuais grazas á centralización das compras en materia tecnolóxica, á redución da estrutura organizativa e a consolidación do CPDI como infraestrutura tecnolóxica de altas prestacións que dará servizo non só a Administración autonómica senón tamén ao resto das Administracións públicas.
Durante a súa intervención Mar Pereira destacou a importancia do Plan de Software libre da Xunta como unha das medidas para aumentar a eficiencia do investimento público en tecnoloxía. A directora da AMTEGA recordou que o emprego do software libre en iniciativas como Abalar, a Rede CeMIT e noutras para o impulso da Administración electrónica permitiu un aforro de 2,5 millóns de euros no período 2010-2011.
AMTEGA centrarase na innovación tecnolóxica e a inclusión dixital en 2013
Compartir Este Artigo
