Un dos grandes atrancos que ten o comercio electrónico para trunfar é a loxística, algo que algúns xigantes da Rede como Amazon parecen saber controlar moito mellor que os seus competidores, de aí que incluso ofrezan este servizo de xeito independente, como está a acontecer agora en España, onde Amazon está a comezar a posibilidade non só de vender produtos a través da súa páxina web, senón tamén para a tramitación dos seus envíos do mesmo xeito e cos mesmos prezos que terían os usuarios de realizar os pedidos a Amazon.
Entre as vantaxes desta plataforma está que se unha tenda adherida a este programa vende un produto a través de Amazon.es, se o cliente ten contratado Amazon Premium, poderá recibir os seus produtos sen gastos de envío, mentres que no resto de envíos tamén é posible gozar de envíos bastante baratos e áxiles, podendo incluso empregar Amazon como servizo de atención ao cliente e para xestionar as devolucións, ou sexa, facilitando moito todo o proceso loxístico para establecementos comerciais de tamaño pequeno ou medio.
Para vender a través de Amazon.es existen un par de tarifas: a tarifa Individual, que parte de 0,99 euros por peche de venda xunto coa aplicación de tarifas de promoción nos produtos, e a tarifa Pro, destinada para quen venda máis de 40 artigos/mes, e que consistiría no pagamento de só 39 euros/mes.
O servizo loxístico de Amazon ten uns prezos moito máis complexos, por dividirse en categorías de produto, tamaños e pesos, e cobrar diferente os produtos vendidos directamente a través de Amazon.es dos vendidos a través doutras canles, ao que habería que engadir o prezo polo aluguer de espazo de almacenamento no centro loxístico de Amazon. Como exemplo temos que os gastos de envío dun libro de 320 gramos (420 gramos con embalaxe) vendido a través de Amazon.es tería uns gastos de envío totais de 2,41 euros e de 5,01 euros de venderse por outra canle (contando en ambos casos 1 mes de almacenamento). Para unha cámara dixital os gastos de envío serían de 4,80 euros a través de Amazon.es e de 6,80 euros en caso contrario. Como caso máis significativo teriamos que o envío duns paos de golf cun peso de 13 quilos custaría 16,97 euros por Amazon.es e 24,97 euros a través doutra canle.
Entre as vantaxes do uso da loxística de Amazon estaría tamén que os prezos para comercializar produtos en Reino Unido, Alemaña, Francia e Italia serían bastante axustado, o que supón unha grande oportunidade para a venda internacional de produtos, pois a mellora da loxística habitualmente tradúcese nun incremento de vendas.
Amazon comeza a ofrecer a súa plataforma loxística en España
Compartir Este Artigo
