Coa chegada de Windows 8 dende Microsoft querían amosar un novo xeito de entender os tablets cos seus dispositivos Surface, pensados para servir de buque insignia para que outros fabricantes seguisen os seus pasos, pero que están a ter unha distribución moi limitada, o que vai camiño de mudar, pois Microsoft anunciou hoxe que vai ampliar a dispoñibilidade dos tablets Surface Windows RT a 13 mercados europeos (entre os que está España) o vindeiro 14 de febreiro, de xeito que en tal data poderán mercarse a través da tenda en liña de Microsoft, para chegar ás tendas durante as seguintes semanas.
Con estes equipos Microsoft busca mesturar a experiencia de uso dun tablet coas funcionalidades dun Ultrabook, o que conseguen grazas ao uso das fundas Touch Cover, que funcionan como protector de pantalla e tamén de teclado e trackpad, de xeito que teriamos un dos ordenadores portátiles máis transportables do mundo (cun peso de só 680 gramos). O Surface chegará en modelos con 32 ou 64 Gb de almacenamento interno, cun prezo que parte dos 479 euros, aos que habería que engadir outros 119 euros se queremos unha das súas fundas/teclado.
Pero cómpre destacar que este equipo está baseado nun procesador ARM, polo que o seu funcionamento non é o dun ordenador completo con Windows 8, para o que habería que optar por unha versión de Surface con procesador Intel Core i5 (o que permitiríalle correr Windows 8 Pro, de xeito que o mesmo equipo funcionaría con aplicacións de escritorio tradicionais e con aplicacións optimizadas para tablets) que aínda vai estrearse nos EE.UU. o vindeiro 9 de febreiro (a un prezo de partida de 899 dólares), descoñecéndose cando chegará a España.
Microsoft traerá os tablets Surface a España o mes que vén
Compartir Este Artigo
