
Segundo informaron CENATIC e Red.es, as fontes abertas son, nuns tempos marcados pola crise, un instrumento estratéxico para as políticas das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), levadas a cabo desde o sector público; “con demostración clara da eficiencia orzamentaria”, sinalaron. “Grazas ás múltiples iniciativas de migración de SFA emprendidas pola administración e ás políticas de reutilización de software, España adquiriu unha posición de liderado que se verá reforzada polo intercambio de experiencias en eventos de carácter internacional como este”, fixeron saber, acerca da posición española no que se refire a aposta mundial pola programación aberta. Para Adsuara, de feito, o Estado atópase “entre os países máis activos da UE en adopción de software libre nas administracións públicas, situado tamén á cabeza dos europeos en lexislación para a utilización de recursos abertos que favorezan a interoperabilidade entre sistemas informáticos”.
Pola súa banda, o director xerente de CENATIC, Manuel Velardo, salientou que “o motivo para a realización das xornadas é aproveitar o bo momento que o software libre ten no sector público, para pór en común os proxectos máis significativos que, agora mesmo, están en execución entre os profesionais deste sector”. Ademais, destacou as vantaxes e aforros obtidos pola reutilización e mantemento dos programas desta índole e na definición dun posto de traballo do empregado público “moi eficiente”, baseado en tecnoloxías de fontes abertas.
O encontro contou coa presenza de expertos internacionais como Mark Driver, de Gartner Group, ou Maria Antonia Brovelli, do proxecto WorldWild da NASA. Ademais, durante a xornada, presentáronse algunhas iniciativas nacionais como a Plataforma Administración Local Solucións (PALS) da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Sociedade da Información (SETSI); a Plataforma de validación de sinatura electrónica @firma, do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (MINHAP); o programa de xestión municipal Urbanismo en Rede, posto en marcha polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es; a Federación Española de Municipios e Provincias e coa colaboración do Ministerio de Fomento; ou os principais servizos de administración electrónica do MINHAP. Asemade, diferentes representantes das Comunidades Autónomas amosaron as súas respectivas apostas a prol co código aberto (incluída a Xunta de Galicia, que amosou iniciativas como o Proxecto Abalar para a creación de aulas dixitais no noso tecido educativo botando man de sistemas tan eficaces e rendibles como Ubuntu).
CENATIC e Red.es salientan a eficiencia orzamentaria do software libre perante o privativo
Compartir Este Artigo
