O operador galego R quere que haxa vida para o noso móbil no caso de que este teña un accidente, cousa, por outra banda, que a quen máis a quen menos xa lle pasou algunha vez na súa experiencia de usuario. Por esta razón, a empresa puxo en marcha un servizo que asume a reparación do terminal no caso de que a garantía fique corta (cousa que tamén é habitual). O obxectivo, como dixemos, é darlle segunda oportunidade ao móbil en caso de incidente imprevisto, contribuíndose deste xeito a unhas economías domésticas que, en termos xerais, non están para botar bombas.
Lembrar que en circunstancias normais de mal funcionamento debido a avaría interna, R envía os aparellos aos servizos técnicos oficial dos fabricantes, xa que a garantía de cada móbil atende isto. Porén, non hai cobertura no caso de accidente. Para contrarrestalo, precisamente, xorde este servizo de R. Chámase repareitor, e está xa a disposición de profesionais e negocios e tamén para clientes particulares, con distintas modalidades nas que R tratou de incluír prezos económicos.
- Repareitor 18 base, por 2,5€+IVE/mes, para os terminais de menos de 400€ no prezo libre e permanencia de 18 meses.
- Repareitor 18 tope, por 3€+IVE/mes, para os terminais de máis de 400€ no prezo libre e permanencia de 18 meses.
- E repareitor 24, por 3,5€+IVE/mes, pensando nos iPhone e no Galaxy S III.
