A iniciativa de divulgación Inspiraciencia, posta en marcha en tres linguas (castelán, galego e catalán) para promover as vocacións e o coñecemento científico a través do noso pulo literario, abriu esta semana intensificando o radio de alcance. Para comezar, dicir que aínda fica aberto o prazo para presentarmos as achegas ao seu Certame de Relatos e Microrrelatos, concretamente ata o 10 de marzo, a través da web inspiraciencia.es, onde podemos concorrer nos ditos tres idiomas por medio de dúas categorías: xuvenil (12 a 17 anos) e adulto (máis de 18 anos). Por outra banda, dicir que o editor e escritor galego Francisco Castro ofrece este 29 de xaneiro, na Casa do Libro de Vigo, a charla Leonardo e Verne, soñadores do futuro. A cita insírese no certame Inspiraciencia e vén da man, como toda a iniciativa, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Por certo que o programa conta coa colaboración da Editorial Galaxia, da que Francisco Castro é editor (sección xuvenil), amais de desenvolver dende 2010 o cargo de presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix).
A proposta Inspiraciencia, como dixemos, está organizada pola Delegación do CSIC en Cataluña e o Instituto de Ciencia dos Materiais de Barcelona coa colaboración da Vicepresidencia Adxunta de Cultura Científica do CSIC e o patrocinio da FECYT-MINECO. Asemade, conta na nosa terra co apoio da Delegación do CSIC e de catro institutos de investigación do Consello (a MBG, o IIM, o IIAG e o INCIPIT), ademais da Editorial Galaxia.
O obxectivo da devandita conferencia de Francisco Castro, este martes 29, é dar presenza física á terceira edición do certame en liña de relatos e microrrelatos, así como ofrecer algunhas claves dos puntos de confluencia da ciencia e a literatura.
O certame de relatos en liña Inspiraciencia ofrece en Vigo unha charla do escritor Francisco Castro
Compartir Este Artigo
