A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) quixo conmemorar o Día de Rosalía de Castro, o vindeiro 24 de febreiro, cunha lectura colectiva de Cantares Gallegos, a realizar de xeito conxunto dende os centros de ensino da nosa terra. A iniciativa está a ter, tamén, compoñente dixital: en boa medida porque se gravaron en vídeo as diferentes intervencións para seren escolmadas logo pola asociación na súa web, dándolle finalmente forma a unha lectura completa do libro, dispoñible na Rede a tempo completo. Segundo sinala a ALEG, a acollida á proposta foi excelente. De feito, a lectura xa se completou antes de rematar o seu prazo.
Co fin de dar acubillo ás peticións de intervención recibidas logo e “recoller todo o entusiasmo e dispoñibilidade da comunidade educativa”, decidiuse abrir unha segunda lectura colectiva, que xa está en marcha.
Ademais desta iniciativa, a AELG está en contacto con diversas institucións e colectivos sociais para promover outros actos de recoñecemento da nosa escritora fundacional. Lembrar que o 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura, e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anima á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro.
Na web da asociación xa figuran, en listaxe e localizados no mapa, tódolos centros educativos adheridos á devandita homenaxe a Rosalía, máis o resto da programación de actividades que a entidade prepara celebrar a data do 24 de febreiro.
A AELG porá na Rede a lectura colectiva de Cantares Gallegos feita dende os nosos centros de ensino
Compartir Este Artigo
