Os responsables de Animacam, o festival en liña de cinema e animación posto en marcha en 2008 dende Sandiás (Ourense), veñen de achegarnos máis información sobre a súa vindeira convocatoria, prevista xustamente para esta semana, días 5 e 8 de febreiro, no Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa (MAC) da Coruña. Esta consumación da súa dupla vertente, primeiro a vertente en liña e agora tamén (complementando a anterior) a súa vertente física, vaise escenificar co mellor dos agoiros posibles: unha achega de 77 películas de 30 países maioritariamente exclusivas e cunha gran variedade de técnicas e temáticas. Dáse a circunstancia de que a metodoloxía desta faciana física do certame será semellante á estratexia seguida na versión dixital dende os seus comezos: os asistentes votan, co fin de outorgar o Premio do Público Off-line á Mellor Película de Animación 2012.
Esta é unha das novidades da quinta entrega de Animacam, que cingue así a traxectoria na Rede (superando as 200.000 visualizacións das súas películas antes mesmo da escolma de finalistas) coa súa primeira versión corpórea, é dicir, a aterraxe do festival na sede física do MAC na Coruña, onde competirán, en igualdade de condicións, filmes de directores noveis con obras de autores de culto a nivel mundial; dende traballos de fin de carreira de afamadas escolas internacionais de animación, pasando por curtametraxes gañadoras en prestixiosos certames, ata películas seleccionadas e preseleccionadas aos premios Goya 2012-2013 (Zeinek Gehiago Iraun- Gregorio Muro, Fuga– Juan Antonio Espigares, The End- Alejandro Cervantes- Raquel Diana) ou nomeadas aos Óscar 2012 e 2013 (A Morning Stroll- de Grant Orchard- e Head Over Heels– de Timothy Reckart, respectivamente). “A gran calidade das curtas de animación a concurso este ano e a variada achega de xéneros e temáticas”, engaden os responsables do festival, “fan de Animacam un completo mosaico do mundo actual, visto a través da mirada diversa, sempre sagaz e intelixente, de autores e autoras do cinco continentes”.
Ademais dos anteriormente citados, pasarán por Animacam a española Isabel Herguera, o xaponés Koji Yamamura, o americano Bill Plympton, a francesa Joanna Lurie, o canadense Isaac King, a rusa Sveletana Filipova, o polaco Kamil Polak (pintor, animador e técnico de efectos especiais que dedicou seis anos da súa vida a converter The Lost Town of Switez, un proxecto de gradación convertido nunha “obra de arte de historia da animación”), o español Pascual Pérez, animador durante anos da serie británica Wallace and Gromit dos estudos Aardman do Reino Unido ou o arxentino Juan Pablo Zaramella, que co seu filme Luminaris leva cultivados máis de 150 premios internacionais.
O certame entrega dous premios, dotados con 1000 euros cada un: o xa mencionado Off-line e o Premio On-line á Mellor Dirección de Animación, que decidirán co seu voto a través da web do festival, os internautas de todo o mundo ata o 8 de febreiro.
O festival en liña Animacam colle corpo esta semana na Coruña con 77 filmes internacionais
Compartir Este Artigo
