A Editorial Galaxia vén de pór o remate ao seu certame no Twitter para celebrar a vixésima edición na nosa lingua de O Principiño, o clásico para cativos e maiores de Antoine de Saint-Exupèry. Pois ben, o concurso en cuestión, do que falamos polo miúdo en Código Cero para dar conta do seu miolo (cada internauta enviando tuits que explicasen en 140 caracteres o porqué da súa fidelidade ao dito libro), saldouse coa participación de 200 propostas que, segundo informa Galaxia, fixeron ben difícil a escolla.
Con todo, o xurado achou que os traballos da tuiteira Patricia Blanco, pola súa variedade, carga poética e relación con O Principiño eran “os merecentes claros do premio”, consistente nun exemplar do libro en tapa dura e un exemplar de todas e cada unha das obras literarias de Carlos Casares, tradutor no ano 1972 do libro cando se publicou por vez primeira na editorial.
Na imaxe que incluímos acompañando esta nova, por certo, figura unha das propostas de Patricia Blanco.
O tuit desta proposta de Patricia dicía o seguinte: #gustameoprincipiñopor porque mo imaxino así conversando coa súa flor. Segundo engade Galaxia, “foron moitas fotografías máis as que achegou con algunhas das súas propostas e outros participantes ofreceron ligazóns a novas de prensa ou incluso vídeos, dándose forma, finalmente, a un interesante experimento ao que, sen dúbida, O Principiño teríase sumado gustoso”.
O concurso no Twitter para celebrar a 20ª edición de O Principiño en galego recibiu 200 propostas
Compartir Este Artigo

