Quedan poucas horas para saber se finalmente hai presenza galega entre os galardoados nos Premios Fundetec, edición 2012. Máis polo miúdo, os recoñecementos entréganse este xoves 21 de febreiro, no Museo do Traxe de Madrid, e cómpre lembrar que entre os finalistas atópanse varias entidades da nosa terra, unidas neste certame baixo o nexo común do seu compromiso arredor do desenvolvemento tecnolóxico e da supresión definitiva da fenda dixital. Falamos de entidades como AGESTIC (Asociación Galega de Empresas TIC), AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) ou a Deputación de Pontevedra.
Asemade, tamén figura entre os nomeados a Organización dos Artesáns de España coa súa aplicación para iOS e Android de Obradoiros Abertos na súa versión en español, nacida na Asociación Galega de Artesáns, e da que puidemos coñecer numerosos detalles durante a primeira edición do MobileCONGalicia.
Como lembraremos, os Premios Fundetec diríxense a recoñecer o labor de organizacións sen arela de lucro, institucións públicas e entidades privadas que impulsen o uso das novas tecnoloxías entre a cidadanía e as empresas.
Os finalistas desta VIII edición, elixidos entre un total de 216 candidaturas, son:
· Mellor Proxecto de Entidade Non Lucrativa dirixido a Cidadáns:
Asemblea Provincial de Cruz Vermella Española en Alacante
Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC)
Asociación Proxecto Home
· Mellor Proxecto de Entidade Non Lucrativa dirixido a PEMES, Microempresas e Autónomos:
Asociación de Comerciantes de Mobles de Aragón
Instituto de Biomecánica de Valencia (IBV)
Oficio e Arte, Organización dos Artesáns de España
· Mellor Proxecto de Entidade Pública ou Privada dirixido a Cidadáns:
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)
Goberno Vasco (Departamento de Sanidade e Consumo)
Dirección Xeral da Policía (DGP)
· Mellor Proxecto de Entidade Pública ou Privada dirixido a PEME, Microempresas e Autónomos:
Consorcio para o Desenvolvemento da Montaña Central de Asturias
Deputación Provincial de Pontevedra
OpenServices Consultoría en Transportes
A xornalista Lourdes Maldonado actuará como presentadora do evento, que será clausurado polo secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, e presidente de Fundetec, Víctor Calvo-Sotelo. A continuación servirase un cóctel.
Fundetec desvela este xoves se finalmente hai entidades galegas entre as súas premiadas
Compartir Este Artigo

