O servizo web para viaxeiros TripAdvisor, especializado en axudar aos turistas a elixir os hoteis-restaurantes e os destinos paisaxísticos que máis pagan a pena, presentou esta semana os gañadores dos premios Travellers´ Choice Praias 2013, uns galardóns que, como o seu nome indica, diríxense a tirar partido das opinións dos usuarios de TripAdvisor para materializar os greatest hits dos seus areais preferidos. Dáse a feliz circunstancia de que, unha vez máis, hai importante presenza galega no resultado final. De feito, a de As Catedrais, en Ribadeo, foi quen de coarse entre as mellores de todo mundo. Os premios, como dixemos, baséanse nas opinións de millóns de internautas e este ano recoñeceron a un total de 276 areais situados en África, Asia, o Caribe, Centroamérica, Europa, Oriente Medio e EE.UU.
A praia galega de As Catedrais, en Ribadeo, foi premiada en 6º lugar a nivel mundial, 2ª no ranking europeo e o 1º posto a nivel español. Ademais, outra praia galega tamén foi galardoada como unha das mellores do Estado, a praia da Lanzada, no Grove, Pontevedra, que se sitúa en 7º lugar. As Comunidades costeiras españolas mellor valoradas en canto ás súas praias foron a nosa (en primeiro lugar), Illes Balears, Andalucía, Euskadi e as Illas Canarias. As Illes Balears tamén foron premiadas a nivel mundial e europeo co areal Ses Illetes, en Formentera, situándose en 12º na listaxe internacional, 4º lugar no ranking europeo e 2º lugar a nivel nacional. Outras dúas praias das Balears foron galardoadas a nivel estatal, a praia de Cala Bassa, en Eivissa, e a praia de Es Trenc en Mallorca, ocupando o posto 8º e 9º, respectivamente. Andalucía, tamén foi premiada a nivel europeo con dúas praias: a praia de Bolonia, en Tarifa, ocupa o posto 14º en Europa e o 4º en España, mentres que Zahara dos Atunes, tamén na costa gaditana, sitúase no posto 23º da listaxe de Europa e o 5º en España. Doutra banda, Euskadi foi galardoada coa Praia da Concha, en San Sebastián, que ocupa a 11º posición entre as mellores de Europa e o 3º lugar en España. Por último, atópanse as Canarias, distinguidas en 6º lugar coa praia Cofete, en Fuerteventura, e a praia de Las Canteras, en Gran Canaria, en 10º posición da listaxe nacional.
As Catedrais, votada como unha das mellores praias do mundo polos usuarios da web TripAdvisor
Compartir Este Artigo

