A empresa galega Tagtum vai presentar no marco da feira Mobile World Congress que se está a celebrar estes días en Barcelona (ata mañá día 28, cunha boa parte do máis representativo a nivel de innovación internacional en telecomunicacións) o seu sistema de antifalsificación desenvolvido con tecnoloxía NFC, case con toda seguridade o máis miúdo dos que existen a día de hoxe no mundo dentro do seu eido. A presentación levarase a cabo este mércores, no emprazamento de Red.es, onde a empresa galega amosará, entre outras cousas, o amplo potencial de traballo da tecnoloxía NFC, que se emprega decote en dar soporte aos pagos polo móbil, pero que pode ser aplicada con éxito en materia de seguridade ou de loita contra a falsificación. É cara a isto, precisamente, cara a onde se dirixe o sistema que vai presentar a empresa galega.
Lembrar que Tagtum acode cunha tecnoloxía pioneira (a nivel galego pero tamén estatal e internacional) na loita contra a fabricación e comercio de produtos falsificados. Isto conséguese a través da incorporación-combinación dun chip integrado polos fabricantes e un smartphone ligado ao mesmo. A plataforma logra a comunicación entre o teléfono e o chip, xestiona todo o fluxo de información e emite un certificado en liña de autenticidade da peza. Todo isto foi obxecto dunha remodelación recente por parte da empresa galega co obxectivo de acadar a meirande simplificación posible. Este proceso levou a unha redución notable das dimensións do compoñente electrónico. Sinalar que ata hai pouco, a implantación desta tecnoloxía estaba condicionada por un tamaño mínimo de chips de 30 mm de diámetro, “o que impedía integralos en artigos de reducidas dimensións, tales como xoias, reloxos, estilográficas, lentes e un amplo abanico de produtos de luxo”. Porén, iso agora mudou recentemente, segundo nos lembran dende a empresa galega, que acadou o imposible: integrar un minúsculo chip de 3 milímetros na súa app, xa dispoñibel para teléfonos Android de forma gratuíta. Segundo engaden fontes de Tagtum, se ao devandito “lle sumamos a posibilidade de conectar o teléfono móbil dos clientes con toda unha serie de novos contidos e funcionalidades ofrecidos polo fabricante por medio do chip, estamos ante o resultado do que hoxe en día xa se denomina a terceira revolución industrial: os artigos intelixentes”.
