As gráficas de Yoigo, malia a que está caendo para todos (sen importar sector nin experiencia), semellan seguir sendo ascendentes. Así o fixo saber o operador estes días no que probablemente sexa o mellor auditorio estatal posible para unha empresa das súas características: o salón Mobile World Congress de Barcelona. Alí, a empresa aproveitou os moitos interlocutores reunidos para facer un percorrido do acadado durante 2012 e cales son os seus obxectivos para este ano. Este 2013, de feito, Yoigo quere chegar aos 4,2 millóns de clientes, ademais de seguir aumentando os seus ingresos. Respecto ao que ano deixamos atrás, aos responsables da operadora non lles tremeu a voz á hora de definilo como o Ano I da Yoiguización.
Volvendo ao baile de cifras propiamente dito, que xustificarían a dita afirmación, dicir que durante 2012 Yoigo acadou os 963 millóns de euros de facturación, o que supón un 17% máis que en 2011. Ademais, alcanzou un EBITDA positivo de 72 millóns de euros, un 55% máis que no exercicio anterior. En canto a número de clientes, Yoigo marcouse como obxectivo chegar a 3,5 millóns, cifra que finalmente foi quen de superar. A compañía pechou 2012 con 3.707.000 clientes, engadíndose 700.000 usuarios en só un ano, conseguindo así máis dun 6% do mercado da telefonía móbil de España (segundo datos recentes da CMT). Por último, Yoigo facturou un 18% máis de tráfico e dobrou os ingresos por datos, conseguindo un medre superior ao 100% con respecto a 2011.
A nivel técnico, despregouse unha rede de 2G con 3.940 estacións base, “cumprindo amplamente cos compromisos de investimento da licenza de 1800”. Arestora, Yoigo dispón dunha rede de 8.315 estacións base, distribuídas entre 4.339 estacións UMTS e 3.976 estacións GSM. Multiplicouse por 10 as velocidades ofrecidas, podendo chegar ata os 21 Mbps.
Yoigo quere chegar aos 4,2 millóns de clientes antes de que remate 2013
Compartir Este Artigo
