A aplicación de mensaxería dende o móbil WhatsApp ten a sona de ser de balde, pero dende o seu lanzamento deixaba claro que a súa versión para iOS era de pagamento (0,89 euros) mentres que para Android, BlackBerry, Windows Phone e Symbian a aplicación é de balde o primeiro ano, pasando despois a cobrarse unha subscrición de 0,99 dólares/ano, o que ata o momento non se fixera efectivo (as renovacións das subscricións realizábanse de balde) pero nas últimas semanas algúns usuarios comezan a ver como teñen que pagar para poder renovar o WhatsApp, no que parece un decidido paso nun servizo que hai tempo que superou a masa crítica de usuarios como para querer buscar certa rendibilidade.
Queda agora por ver se WhatsApp mantén o seu pulo, ou perde clientes que optan por outras solucións de balde como LINE, Viber ou SpotBros, pois non esquezamos que en plataformas como Google Play a meirande parte dos usuarios non chegan nin a introducir un método de pagamento asociado á súa conta (nin emprega plataformas como PayPal), polo que a realización de pagamentos pode resultar demasiado complexa para moitos usuarios de WhatsApp (algo que non acontecería, por exemplo, de poderse realizar o pagamento mediante mensaxes de texto Premium).
Nas vindeiras semanas veremos que WhatsApp consolida este cambio de rumbo que chegou a través das últimas actualizacións da súa aplicación, ou da un golpe de temón para evitar a fuxida masiva de usuarios a servizos alternativos.
WhatsApp comeza a cobrar por usar a súa aplicación en dispositivos non iPhone
Compartir Este Artigo
