Calquera cousa que se faga para axudar a que a mocidade consiga emprego, ten que ser benvida por forza. E se ademais, esa iniciativa abre camiños innovadores para servir de modelo a outras que veñan detrás, mellor que mellor. A cousa aínda adquire novas dimensións se no seu punto de mira está o relanzamento da economía propia dun lugar, parte da súa identidade. O portal de emprego, MARJOB, presentado os días pasados pola Universidade de Vigo, cumpre estes e outros requirimentos. Trátase dunha iniciativa en liña do Campus de Mar, un buscador de ofertas de emprego e bolsas relacionadas co eido marítimo (de tan forte e longa tradición na nosa terra), que pretende converterse “nun punto de encontro entre a oferta e a demanda de oportunidades laborais no devandito ámbito de actividade”.
Segundo conta Luis Fernández, responsable da Área de Transferencia do Campus do Mar, esta plataforma desenvolveuse para “establecer unha conexión robusta, baseada en necesidades reais, entre os principais actores do mercado laboral do sector do mar”. Posta en marcha oficialmente ante os medios o venres 1 de marzo (pero xa en activo previamente), a web acubilla arestora 78 ofertas de emprego e bolsas en diferentes países do mundo (o noso, Arabia Saudita, EE UU, Suráfrica, Singapur, Dinamarca, Francia, etc) e en distintos eidos do coñecemento (calidade alimentaria, enxeñaría naval, bioloxía). O portal, como dixemos, ten a súa orixe no compromiso do Campus de Mar coa inserción laboral dos nosos estudantes, unha achega educativa, a do campus, que á súa vez xurdiu dun traballo conxunto dos principais actores dos ámbitos científico, académico e empresarial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
En marcha o portal MARJOB para favorecer a inserción laboral dos nosos estudantes ligados ao eido marítimo
Compartir Este Artigo
