A firma galega de telecomunicacións Ocean´s estreou este venres un novo espazo na súa páxina web dedicado a quen empregue tecnoloxía e servizos para móbiles “e máis a todo aquel que queira coñecer as últimas novidades no sector”, informa a operadora. En Ocean´s House, así se fai chamar o novo apartado web, os usuarios poderán estar ao tanto das últimas novidades do sector dun xeito próximo e directo, facéndose fincapé nos máis recentes achados que adquiran dispoñibilidade a través da firma galega, e todo tirándolle partido ao noso potencial como receptores multilingüaxe de información. En palabras de Ocean´s, poderemos ler, escoitar, ver e sentir coma se estivemos na nosa casa.
Máis polo miúdo, teremos acceso a un servizo de novas sobre ciencia e tecnoloxía actualizado, así como a unha escolma de vídeos sobre mobilidade, ás promocións de Ocean´s e ás distintas vertentes da compañía nas redes sociais. Segundo informa a empresa galega, a sección irá medrando para ofrecer “moitas máis novidades proximamente, como transferencia de arquivos e titoriais, entre outras”. En resumo, estamos ante “un espazo pensado e deseñado para que nun futuro moi próximo os usuarios teñan un lugar de lecer e entretemento con todas as ferramentas on-line á súa disposición, e onde todos poidan estar informados e poidan despexar as súas dúbidas e tomar as eleccións correctas dentro dun ecosistema tecnolóxico que avanza a velocidade de vertixe”, conclúen dende a firma galega.
A galega Ocean´s estrea novo espazo en liña para aproximar a tecnoloxía móbil a cada usuario
Compartir Este Artigo
