Dous estudantes galegos participantes na pasada edición de Galiciencia, Queila Bouza e Miguel Gómez, veñen de resultar galardoados no prestixioso certame científico escolar Exporecerca pola súa investigación sobre a fertilidade dos solos queimados e o deseño de estratexias para recuperalos, O proxecto, cuxo recoñecemento foi dado a coñecer dende Barcelona (onde se desenvolveu a gala final do certame), foi desenvolvido no marco das Aulas Tecnópole, o programa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia e financiado pola Consellería de Economía.
O traballo despregado por estes dous estudantes (procedentes do IES O Couto e do Colexio Divina Pastora de Ourense) salienta dende tódolos puntos de vista, mesmo dende o seu punto de partida: facer algo produtivo, útil e rendible para contribuír á rexeneración dos nosos chans logo de ter sufrido estes un incendio. A idea, polo tanto, é achegar solucións concretas para o noso futuro medio ambiental alén dun traballo de extinción. O que propoñen, informa a Tecnópole, é aplicar refugallos orgánicos da pasta de papel producida na industria da celulosa co obxectivo de evitar a escorrentía do terreo ou que este sexa arrastrado pola auga das choivas e, sobre esa base, fixar novas sementes no solo para que xerminen. A investigación foi recoñecida pola Sociedade Catalá de Bioloxía (que é quen organiza o dito concurso), que recompensará aos gañadores cunha visita guiada a un laboratorio de investigación relacionado co tema do proxecto, e pola ASM Materials Education Foundation, unha fundación estadounidense con máis de cincuenta anos de traxectoria dedicada ao fomento da investigación entre os máis novos. A delegación enviada a Barcelona polo Parque Tecnolóxico de Galicia constou de 14 alumnos e alumnas de segundo ciclo da ESO e Bacharelato, acompañados de dous profesores, que defenderon oito proxectos desenvolvidos nas Aulas Tecnópole. Competían con 110 traballos procedentes de México, Brasil, Arxentina, Paraguai, Kazajistán, Turquía, Eslovaquia e Bélxica, ademáis de España.
Premiado o traballo de rexeneración dos bosques de dous estudantes galegos participantes en Galiciencia
Compartir Este Artigo
