
Entre as materias a tratar, haberá un pouco de todo: técnicas de motivación, metodoloxías de emprendemento, creación dun currículo, posta en marcha dunha imaxe en liña, emprego de apeiros 2.0 e introdución aos propios recursos da start-up organizadora. Máis en detalle, á súa plataforma bochoio.com, que será presentada e probada, por vez primeira ante o público potencialmente usuario, no seo do devandito obradoiro. Este vai ter lugar no Edificio de Servizos Centrais de Investigación do Campus de Elviña, na Coruña. Por certo que xa se poden realizar as inscricións na web propia do obradoiro.
Como dixemos, ao seu abeiro vaise presentar a plataforma bochoio.com, que en termos xerais consiste nunha tentativa de achegar a tecnoloxía ás persoas que non conten cun posto de traballo, amosándose como un acubillo de apeiros 2.0 dirixidos a facilitar a procura de emprego. Asemade, sinalan dende a empresa coruñesa, será de utilidade para os que desexen mellorar ou complementa-lo seu currículo. Actualmente, a plataforma bochoio.com está dispoñibel para o uso a través da web de seu e máis das súas aplicacións para teléfonos Android e iOS. O acceso aos recursos é totalmente gratuíto para calquera persoa, “pero o target de Appeiros son as persoas paradas con formación de nivel baixo ás que lles resulta máis difícil construír unha boa imaxe online”, informan os responsables da start-up, que tamén inciden no feito puramente tecnolóxico que pon a disposición dos usuarios a plataforma. Ou sexa, nos elementos multimedia que achega, que se poden compartir de xeito doado a través de correo electrónico ou nas redes sociais, transportables nos smartphones. “Con este proxecto procurarmos a sinxeleza e rapidez á hora de construír o currículo online, poder destaca-los elementos máis atractivos da persoa que busca emprego con soportes multimedia que enriquezan o currículo”, explican.
Appeiros organiza en abril un obradoiro TIC para persoas en situación de desemprego
Compartir Este Artigo
