
Segundo informa o CCG nunha completa reportaxe sobre a andaina deste proxecto, a cooperativa ten os mesmos obxectivos cá Feira Imaxinaria: vincular diferentes colectivos e iniciativas que se fan na nosa terra, xa estean ligadas ao software e á tecnoloxía, á creación artística, á edición ou a conceptos de universidade libre. Entre as entidades que promoven GZ Imaxinaria están vellas coñecidas de Código Cero, como a asociación Alg-a (da que falamos hai pouco con motivo da súa participación na rede mundial Wikisprint) ou a editorial Axóuxere (un dos baluartes do noso pensamento, creadora entre outras cousas da web Zoopolitik.com). Tamén achegan (entre outros) o seu pulo o colectivo Baleiro ou a iniciativa de acción Teatro Resoante. Segundo conta o CCG, a fórmula de traballo é o dunha cooperativa de usuarios, na que as persoas ou os colectivos interesados en participar achegan unhas cotas que lles permiten compartir unha serie de servizos. Así definen o modelo os responsables de GZ Imaxinaria: “Non ficamos no concepto máis convencional de dereito dos socios a asistir a eventos e espectáculos, ou empregar mecanismos e recursos que se poñen en común; nese senso traballamos a fronteira entre uso e produción, como usuarios, tamén producimos ao tempo que empregamos”. Polo tanto, está claro que o proxecto bebe das fontes das redes sociais, polo menos dos seus aspectos máis positivos (a implicación e a acción social). Así, adáptase ao seo do proxecto galego un dos grandes achados dos servizos como Twitter ou YouTube: quen os usa para o seu interese, tamén contribúe a eles. Entre as medidas concretas de GZ Imaxinaria, iniciativas concretas, cómpre falar dunha rede física de espazos para a creatividade, a expresión, a investigación e o coworking. Dito doutro xeito: espazos para que os socios se reúnan e traballen. Como por exemplo o Autobús Hacker (unha achega móbil preparada para operar como obradoiro de creación e difusión itinerante, arestora en preparación e na procura dun acondicionamento idóneo para moverse con enerxías limpas), a Cousateca (un acubillo de coñecemento e servizos que están ao alcance da man de tódolos participantes no proxecto, sen emprazamento físico concreto e a xeito de sharewiki) a televisión en liña Adtlántida RTV, arestora en proceso de obtención de financiamento a través da metodoloxía do crowdfounding.
A cooperativa GZ Imaxinaria prepara múltiples proxectos relacionados coa cultura e a tecnoloxía en aberto
Compartir Este Artigo
