Vale que nas xuntanzas de seareiros das cousas tecnolóxicas sempre houbo moito de lecer e mesmo de folgar, pero de xeito paralelo ao devandito téñense dado importantes achados en materia de labor social. Por exemplo, téñense adaptado ferramentas informáticas á realidade dun país, organizado todo tipo de obradoiros e actividades de programación e mesmo colaborado en accións de alfabetización dixital con colectivos situados fóra da Sociedade do Coñecemento. Dun tempo a esta parte, de feito, case pesa máis isto ca o compoñente puramente festivo. E desta teima xorden accións como o Fiadeiro da USC, as xuntanzas de Trasno (as trasnadas) ou, os días pasados, a primeira edición do Social Hackaton Iberoamericano, unha cita colectiva celebrada o sábado e o domingo na Casa de América de Madrid e na que participaron medio centenar de seareiros TIC co obxectivo, nada ambicioso, de cambiar o mundo.
Os recursos dos que se botou man neste encontro con feitura de hackaton (un maratón de xente ligada ás novas tecnoloxías, programadores e desenvolvedores, co obxectivo de acadar certos retos, beneficiar dalgún xeito á comunidade e, tamén, amosar as capacidades de cada quen ou de determinados grupos), foron os acostumados (Rede, móbiles e demais) pero co engadido de seguir afianzando na arela xeral de converter calquera cita nunha actividade de rede social. Isto ten inconvenientes pero tamén ten moitas vantaxes, como a posibilidade de pechar fileiras arredor de algo e facer máis eficaz a súa promoción e a busca de novas mans. Na cita da Casa de América houbo presentacións de proxectos sociais de gran potencialidade, como por exemplo unha iniciativa para crear aparellos de impresións en tres dimensións, de utilidade para nenos con escasos recursos económicos. Este proxecto, achegado por Borja García e Rosa Nieves, consiste nun espazo en liña onde se reciben e intercambian modelos de xoguetes e que logo se poden imprimir no devandito formato. Tamén se presentou Mirayvota (unha iniciativa para favorecer que os políticos respecten as súas promesas e que a cidadanía estea mellor informada) ou a iniciativa AyudaAdapp, recoñecida polo xurado da xuntanza e consistente nunha especie de banco de miúdas axudas, ao alcance de calquera cidadán con arela de realizar accións de axuda mutua e voluntaria (e coa condición de que non se tarde máis de dez minutos en cada recado ou labor). De importante valor social foi tamén PaseApp, un proxecto distinguido tamén polo xurado (na modalidade de sanidade e saúde) e a través do cal proponse a achega voluntaria dunha experiencia de paseo. Ou sexa, que do mesmo xeito que outros servizos canalizan doazóns de sangue ou diñeiro, PaseApp canaliza a nosa potencialidade como camiñantes solidarios, achegando á Rede a nosa vivencia concreta nun emprazamento determinado para solaz e goce de quen, polas razóns que sexan, non poda percorrelo.
Ducias de seareiros das TIC dánse cita na Social Hackaton de Madrid co obxecto de cambiar o mundo
Compartir Este Artigo
