Logo dos aforros vinculados ao software libre no eido público nos que afondamos hai uns días, seguimos a falar de datos e servizos tecnolóxicos en aberto e de posibles vantaxes para as administracións e para a cidadanía. A iniciativa gobernamental Datos.gob.es toma a palabra neste senso e anuncia a liberación do seu código fonte para a súa reutilización e adaptación a servizos análogos e semellantes que repercutan no ben común. Cómpre sinalar que Datos.gob.es é un portal nacional que organiza e xestiona o catálogo de Información Pública, que é arestora o punto único de acceso a conxuntos de datos da Administración Xeral do Estado.
Para a súa liberalización, creouse na Forxa da comunidade CENATIC o proxecto Datos.gob.es, coa publicación que sustenta ao propio servizo agora ceibado. En virtude disto, calquera cidadán, organismo ou empresa pode facer uso do dito código, e dar forma deste xeito a un espazo de seu con metodoloxía Open Data.
De xeito complementario, xunto á dispoñibilidade de desenvolvemento, habilitouse un foro público onde afondar nas posibilidades do dito desenvolvemento, amais dunha listaxe de correo pública para intercambiar mensaxes e máis un acubillo virtual destinado á xestión de bugs, soporte, parches e petición de funcións. O obxectivo de CENATIC é prolongar este proceso, dando continuidade ao ceibe de novos servizos, programas, recursos e ferramentas.
Liberado para a súa reutilización o código fonte de Datos.gob.es
Compartir Este Artigo
