O vindeiro mes de maio, A Coruña será o noso principal foco de información sobre novas tecnoloxías como acubillo das actividades económicas tradicionais, con tódalas vantaxes que poñen en xogo (de ser ben empregadas, claro): comodidade, accesibilidade, dispoñibilidade e seguridade. Falamos das xornadas eCommerce Incoruña 2013, que se celebran no Centro Cultural Ágora e que se insiren no evento Incoruña, un programa de actividades que se prolonga ata o vindeiro 2 de xuño e que inclúe, amais das devanditas xornadas, o II Leadership Forum Galicia ou o I Congreso Nacional de Formación. Volvendo ao evento eCommerce Incoruña (27 e 28 de maio), dicir que se centra nunha cuestión que nos toca de preto en Código Cero: o comercio electrónico e a mercadotecnia en liña, achegándose como unha ocasión inmellorable para afondar nas claves destas cuestións de mans de senlleiros profesionais.
Ao longo de dúas tardes, e en paralelo aos eventos principais, realizaranse dúas xornadas compostas por conferencias de alto nivel ofrecidas por empresarios de éxito no comercio dixital e máis obradoiros prácticos nos que o participante terá ocasión de aprender a crear a súa propia empresa ou iniciativa empresarial desde cero. No intermedio de ámbalas seccións achegarase unha miúda sesión de networking con pausa para o café e unha sesión longa de traballo en rede para rematar. Para tirar o máximo proveito dos descansos e as accións de traballo colectivo, están previstas actividades paralelas relacionadas coa mercadotecnia, a publicidade e o emprendemento.
Amais, e segundo nos fai saber a organización, os nosos lectores e newsletteiros terán á súa disposición un cupón de desconto do 10% da contía total do prezo das xornadas. Así, quen desexe inscribirse só terá que inserir o código ICN-CODIGOCERO antes de que remate o 15 de maio, sendo 25 as prazas que se ofrecen por este vieiro.
Programa provisional de actividades
Luns 27
Relatorios
16,00h. – 18,30h.
Aprendendo dos grandes
Susana voces, directora de vendas de eBay España
Susana Andújar (pendente de confirmar), directora de Fnac.es
18,30 – 19,00h [COFFE BREAK E NETWORKING]
19,00 – 20,30h.
Obradoiro HowTo. Creación e optimización de empresa. O chimpo do empregado ao empregador. Intervén Javier Pascualena, CEO do portal Infoautónomos.
Martes 28
Relatorios
16,00h. – 17,30h.
Aprendendo dos que van ser grandes
Ricardo Lop, responsable de Aceiros de Hispania: unha pequena distribuidora dunha vila de Teruel que factura máis dun millón de euros distribuíndo a todo o mundo.
17,30 – 18,00h [COFFE BREAK E NETWORKING]
18,00 – 20,30h.
Obradoiro HowTo.
Crear unha tenda online desde cero con Prestashop. A cargo de Miguel Ángel López, CEO de Manufacturas de Internet.
Como crear contidos que vendan, xerando tráfico rendible para a túa tenda en liña ou a túa páxina web. Domingo Díaz, CEO de SocialDocs.
As xornadas de comercio electrónico de Incoruña incidirán en múltiples casos de éxito empresarial na Rede
Compartir Este Artigo
