Os días pasados presentouse o blog oficial do documental biográfico sobre Alexandre Bóveda, titulado A Fazaña da Liberdade. Trátase, segundo informan os responsables da súa posta en marcha, de algo máis que un simple acubillo de información sobre a obra audiovisual en cuestión. O blog é en toda regra un caderno de bitácora, amosando paso a paso o proceso de elaboración do documental, producido polo selo coruñés Filmika Galaika e dirixido por Seném Outeiro. Tanto a película como o blog funcionan tamén como homenaxe a Alexandre Bóveda, un dos personaxes de meirande influencia na recuperación e posta en valor da nosa cultura, da nosa identidade como pobo, pero á vez un dos persoeiros máis descoñecidos do devandito proceso de reivindicación.
O filme-blog, máis polo miúdo, achega unha pormenorizada reconstrución da vida e actividade de Bóveda, economista e co-responsable da posta en marcha das Caixas de Aforros de Ourense e Pontevedra, impulsor do Estatuto de Galicia, integrante do Seminario de Estudos Galegos e máis do fundador do Partido Galeguista, entre outras moitas cousas.
A película conta coa colaboración dos Concellos de Poio, Ourense e Pontevedra, ademais da Deputación de Lugo, da fundación Galiza Sempre, da Revista Murguía, a Cátedra Alexandre Bóveda, a Fundación Alexandre Bóveda e a Fundación de Estudos de Galiza (FESGA), entre outros moitos.
Presentado o blog do documental biográfico sobre Alexandre Bóveda
Compartir Este Artigo
