Este mes de maio toca falar de medidas a desenvolver para que os nosos pequenos poidan tirar o mellor partido posible das novas ferramentas da información e a comunicación, sen risco algún. Falamos do ciclo de charlas informativas sobre seguridade na Rede, a cargo de profesionais da entidade EWC-ASIF (Electronic Walfare Consultors), que se vai desenvolver na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela. As charlas están previstas para os días 7, 14, 21 e 28 deste mes.
Cómpre lembrar que a consultora EWC-ASIF agrupa profesionais e especialistas en sistemas informáticos e seguridade. As súas intervencións en Compostela xirarán arredor dos diferentes recursos que temos a man para minimizar ata onde sexa posible os riscos que achega unha navegación sen axuda, sen restricións nin acompañamento.
A charla do día 7 versará sobre a cuestión dos menores na Rede, a do día 14 sobre a práctica cada vez máis estendida do cibersexting, a do 21 de maio sobre Ataques na Internet e a do 28 de maio xirará arredor da cuestión dos perigos potenciais das conexións Wi-Fi. As sesións comezarán cada xornada das indicadas ás 18.00 horas no salón de actos da biblioteca compostelá. A entrada será libre ata completar a capacidade de sala. As charlas serán impartidas por José Luis Prado Seoane, consultor especializado en seguridade informática, programación e hacking ético, e por José Antonio Iglesias Ramos, profesional con longa experiencia en intelixencia 3W e fraudes en liña.
EWC imparte este mes catro charlas sobre seguridade na Rede na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago
Compartir Este Artigo
