Segue adiante a procura na Rede de co-financiamentos dunha iniciativa tecnolóxica dirixida a optimizar os coidados e a independencia das persoas doentes de Parkinson, distonía ou esclerose múltiple, o proxecto Mememtum da empresa Taniwa, do que falamos recentemente con motivo da súa presentación. Como lembraremos, Mememtum é unha iniciativa para a creación dunha aplicación móbil que permite avaliar o estado dun doente con trastornos do movemento e problemas de coordinación derivados de doenzas como as devanditas. Arestora, contan os seus responsables, recadáronse na Rede (para a súa materialización) arredor de 2.000 euros, pero son precisos máis investimentos. De feito, o proxecto necesita 16.000 euros antes do 22 de maio para permitir, agora si, o desenvolvemento dunha primeira versión que permita valorar o produto e un modelo de negocio que, de saír ben, “permitiría xerar uns cantos postos de traballo”, sinalan dende Taniwa.
A aplicación resultante desta liña de traballo e estratexia de crowdfounding iría carretada sobre un teléfono móbil con cámara, que é o instrumento chave para verificar como se atopa o paciente e como evoluciona, achegándonos un diagnóstico logo de enfocar ao doente. E con só uns segundos de marxe. O proxecto, que conta cun vídeo descritivo de seu, diríxese por unha banda a facilitar a atención ás persoas que sofren este tipo de males e, por outra banda, a pórlles a tódolos implicados (familiares, pacientes, coidadores, médicos) as cousas o máis doadas posibles, incluído o labor de seguimento. En virtude desta iniciativa, sinala a empresa, “aos médicos entrégaselles unha ferramenta de valoración obxectiva coa que poden revisar a gravación para corroborar o diagnóstico automático; aos doentes e familiares permíteselles facer o seguimento dende o fogar, aforrándose desprazamentos; e ao sistema sanitario achégaselle a posibilidade de aforrar custes”. Cómpre sinalar que o proxecto é precisamente iso: un proxecto. De acadar os recursos que se precisan, como dixemos, poderíase crear unha primeira versión da ferramenta. “Con este prototipo”, informa a empresa, “poderemos probar a idea e a tecnoloxía cun grupo de pacientes e acadar o financiamento que se require para investir no persoal”.
Taniwa solicita o apoio da comunidade internauta para impulsar a súa aplicación de axuda a doentes de Parkinson
Compartir Este Artigo
