Os Heredeiros da Crus volven á vida, e fano botando man dunha serie de cousas tecnolóxicas a ter en conta. De feito, os integrantes do xa mítico grupo de Ribeira queren seguir estando onde están os seareiros do rock galego, cantado en galego, por moito que estes seareiros tamén estean agora, co paso do tempo, afianzados firmemente nas redes sociais. Deste diálogo xorde precisamente o concurso convocado polos Heredeiros no seu Facebook con tres obxectivos fundamentais: promover o novo traballo do grupo, convidar aos seus seguidores a xogar e interactuar con eles a través da dita rede social e, tamén, agasallar entradas de balde por toda a xeografía galega.
De feito, o certame (que xa comezou), inclúe o reparto de pases para a súa actuación do venres, na discoteca LP45 de Ordes, nun bo número das nosas cidades e vilas. Estas entradas, metidas nun sobre e agochadas de xeito estratéxico en diferentes recantos das cidades e vilas incluídas no concurso, estarán agardando “a que os fans máis rápidos e atentos poidan atopalas”, segundo informa o grupo. Para facer máis doadas as operacións, os Heredeiros irán publicando no seu Facebook, ao longo de toda a xornada de hoxe, unha serie de imaxes e pescudas textuais a ter en conta.
Lembrar que este venres 24 de maio, a partir das 22:00 na discoteca LP45 de Ordes (A Coruña) Heredeiros da Crus presentarán en directo Jard Rock con Fe, que é o noveno disco da súa carreira, que como recordaremos comezou hai xa 21 anos en Ribeira. A banda, unha das máis representativas do movemento bravú (rock galego comprometido coas características que nos son máis propias) interpretará no concerto os mellores temas da súa carreira e boa parte dos cortres do novo disco, do que xa se poden escoitar a través da Rede dous singles adianto: A Duquesa de Poi (unha historia real sobre a avoa de Tonhito de Poi) e Francisco Chousa, el Campeador (sobre a madurez sexual dun home).
Os Heredeiros da Crus agasallan entradas para o seu concerto deste venres a través dun concurso no Facebook
Compartir Este Artigo
