Se cadra quen pense hoxe en pór en práctica actividades empresariais de risco para a saúde e o medio ambiente, conta xa dende o comezo co rexeitamento de boa parte da poboación local. Ou sexa, que as reaccións en contra dos plans dunha empresa como Edgewater para facer minas de ouro en Bergantiños, xa viñan incluídas no plan da compañía. Serían, para firmas coma esta, como problemas inherentes á súa actividade. Pero se cadra co que non contaban é coas redes sociais e os servizos que lle permiten á cidadanía máis contestataria estar unida contra unha causa común. Isto pasoulle a firmas como Shell, que recibiu millóns de sinaturas en liña en contra das súas perforacións no Ártico, obrigándoa a deter os seus traballos, e pódelle pasar a calquera. E máis se hai campañas como #salvemosgalicia, destinada a parar os plans de Edgewater. A mobilización en liña acadou 20.000 sinaturas e 55.000 visitas ao vídeo de seu nun día. En total, este xa foi reproducido en máis de 250.000 ocasións.
Asemade, a campaña #salvemosgalicia foi trending topic en Twitter e axudou a que moitos cidadáns se sensibilizaran con este proxecto que a multinacional Edgewater, co apoio do Goberno galego, ten intención de pór en marcha na nosa terra. A esta repercusión contribuíu, sen dúbida, o devandito vídeo, que conta coa presenza de destacados representantes da nosa cultura e o deporte. Logo do lanzamento da cuña audiovisual, a petición en liña (a través de Change.org) para frear os plans da multinacional xa anda (mentres se escribía este texto) a rentes dos 100.000 apoios.
No vídeo en cuestión, que xa foi visto máis de 250.000 veces (este venres 24 de maio ao mediodía), aparecen a actriz Sabela Arán; o xornalista Fernando González “Gonzo”; o actor Carlos Branco; o actor Víctor Mosqueira; o escritor Suso de Toro; Fernando Vázquez, adestrador do Real Club Deportivo da Coruña; o xornalista ambiental Ramón Varela; e os actores Javier Veiga e Luís Zahera. Nas últimas horas, miles de persoas compartírono a través do hashtag #salvemosgalicia en Twitter. A peza describe, de xeito colectivo, as principais consecuencias para o medio ambiente e para a saúde da nosa terra que causaría unha mina ao descuberto como a que Edgewater prepara.
Importante pegada da campaña #salvemosgalicia nas redes sociais
Compartir Este Artigo
