
Segundo sinala a entidade que preside Carlos Callón, chegan decote ás súas contas de correo múltiples queixas dos internautas polo emprego de nomes castelanizados (Puebla del Caramiñal, Sotomayor, Orense) na rede social Facebook. Isto, engade a plataforma galega, no caso dos perfís persoais pode ter amaño para as persoas concienciadas, non pondo localización no perfil ou inventándoa como fai moita xente. O problema, sinálase, é que nas páxinas de Facebook e nos eventos é obrigatorio pór un enderezo real no que hai que escoller a vila ou cidade das opcións que se despregan no campo correspondente, “no que os topónimos galegos están case todos deturpados”. Así, sinálase, se unha persoa das devanditas localidades (Rianxo, Pobra do Caramiñal, Xinzo, etc), quixera ter un espazo para a súa empresa na dita rede social, tería por forza que emprazala na versión deturpada da súa vila ou cidade. Ou ben optar por non ter páxina en Facebook. Desde a Mesa pola Normalización Lingüística salientan “a gravidade deste tipo de situacións, que están a botar por terra todo o traballo feito nos últimos últimos trinta anos na restauración das formas correctas dos nosos nomes de lugar”. Asemade, a asociación pídelle máis compromiso á Xunta para contribuír a pórlle solución a este problema que se reproduce na Rede malia estar, na vida rela, en vieiros de solución. Para a Mesa, é necesario que o Goberno galego lle esixa a Microsoft (responsable de Bing) que respecte a nosa toponimia e que a corrixa nos seus mapas, “ou do contrario que anule os millonarios convenios que teñen asinados, convenios por outra banda totalmente innecesarios dadas as alternativas de software libre existentes, en xeral de maior calidade e máis respectuosas coa nosa lingua”, engade a plataforma que preside Carlos Callón.
A Mesa denuncia que Facebook e Bing seguen a teimar no emprego de topónimos galegos deturpados
Compartir Este Artigo
