O servizo galego Blogaliza vén de comunicar á súa comunidade que en datas vindeiras procederá a pechar os blogs que fiquen inactivos. A medida responde a un novo pulo no seu proceso de renovación, un proceso no que leva meses mergullado e que se dirixe a subir un significativo treito da escada da comunicación dixital: o que nos leva do andar 2.0 ao 3.0. Para entendérmonos, estamos a falar dun proceso cuxa meta é unha funcionalidade o máis completa, rendible e intelixente posible. Ou sexa, a actualización estable nas novas correntes de comunicación dixital da comunidade de blogues, que, segundo apuntan os seus responsables, “manterá todos os servizos actuais e ofrecerá outros novos, tanto de balde como prémium”.
Asemade, Blogaliza 3.0 achegará unha nova portada onde poderemos obter información cumprida das publicacións das bitácoras que acubilla o servizo, filtrando datas, categorías e etiquetas.
Os traballos están a vir da man da asociación Algueirada con Sacauntos Cooperativa Gráfica e Martín Vázquez, que pasan a integrarse na equipa da Blogaliza. Sobre a data de lanzamento desta nova versión, aínda non hai día concreto. Como dixemos, o proceso de renovación tamén mobiliza ás usuarias e usuarios nos traballos de mellora. De feito, vén de pedírselles que reactiven os seus cadernos no caso de telos parados dende o 31 de maio de 2011. De non facelo así (accedendo a Ferramentas>Exportar dende a interface de administración para crear un arquivo), o servizo procederá á súa eliminación.
Cómpre lembrar que non é a primeira vez que a web Blogaliza acelérase a si mesma cara ao futuro da comunicación. Por estas mesmas datas, en 2009, renovábase cun novo deseño de portada, marcando o comezo dunha nova etapa para unha boa parte dos integrantes do movemento-corrente cultural chamada Blogomillo (unha boa parte dos cales acubillaron os seus cadernos en Blogaliza).
O soporte Blogaliza foi creado en 2003 por Pedro Silva e dende 2008 pertence a Algueirada SL, desenvolvida polo propio Pedro Silva, Carme Mancebo e Alfredo Ferreiro. Blogaliza ofrece dende o seu comezo hospedaxe, mantemento, e desenvolvemento de balde a milleiros de blogues galegos (máis de 3.000 nun dos intres de maior efervescencia do Blogomillo, en 2010).
Blogaliza borrará os blogues que fiquen inactivos dende hai dous anos
Compartir Este Artigo
