
Falamos de empresas abertas e construídas polas multitudes, plataformas cidadás reais que se prolongan, duplican e materializan na Rede. O dito manifesto constitúe unha proposta aberta dirixida a estudar os cambios da sociedade provocados polos novos xeitos de comunicármonos (na liña de debate do pasado congreso Ibercom, celebrado en Santiago) e a aproveitar todo ese potencial para facer facer riqueza e novas iniciativas empresariais. O libro descargable de balde, abrangue un manifesto integrado por 66 puntos coa extensión dun tuit e que os responsables da obra convidan a completar de xeito colectivo a través das redes sociais co hashtag #mc. Asemade, achégase en cinco linguas, entre as que se conta a nosa (en virtude da adaptación feita por Noela Sánchez). Entre outras cousas, a proposta defende a transparencia de información e, sobre todo, a creación dun novo modelo produtivo onde os responsables das empresas non sexan xente desligada de todo compromiso e contacto coas necesidades da contorna social na que se erixen (unha boa parte dos nosos políticos e empresarios famélicos de beneficios a toda costa), senón que entendan dunha vez por todas esa verdade que se nos esquece: non hai riqueza posible se a sociedade que nos rodea non se beneficia (social, cultural, medioambiental e economicamente) tamén.
O Manifesto Crowd abre novos vieiros para aplicar no eido empresarial a fórmula das comunidades en liña
Compartir Este Artigo
