Para evitar problemas no servizo de telefonía móbil por mor da grande afluencia de persoas aos principais lugares costeiros e poboacións rurais do interior das catro provincias galegas Vodafone España está a reforzar a súa cobertura móbil, para o que realizou a ampliación da capacidade de rede existente a través de máis de 500 actuacións de mellora por toda Galicia a fin de poder absorber tanto o incremento de chamadas como o tráfico de datos provocado polo aumento de poboación dos destinos turísticos máis populares.
Adicionalmente Vodafone mellorou a cobertura 3G na banda dos 900 MHz (que consegue unha mellor penetración no interior dos edificios) na meirande parte dos concellos galegos. Grazas a esta actuación os usuarios de smartphones, tablets e modems USB que soporten a tecnoloxía U900 poderán gozar dunha mellor experiencia de uso e maiores velocidades de conexión.
Entre os concellos nos que se incorporou esta nova cobertura 3G figuran zonas costeiras como Sanxenxo, O Grove, Vilagarcía de Arousa, Pobra do Caramiñal, Ribeira, Boiro, Rianxo, Noia, Padrón, Muros, Camariñas, Malpica, Muxía, Cee, Fisterra, Porto do Son, Carnota, Laxe, Viveiro, Foz, Ortigueira, Cedeira, Valdoviño e Cariño; e do interior teriamos a Ribadavia, Carballiño, Xinzo de Limia, Allariz, Verín, Celanova, Quiroga, Guitiriz e Vilalba.
O director de Vodafone en Galicia, Miguel Fernández, asegurou que “este proxecto reafirmou o compromiso de rede de Vodafone con Galicia e o noso propósito de achegar os últimos avances en tecnoloxía móbil a todas as zonas da rexión. Queremos reforzar a nosa proposta pola calidade da nosa rede móbil, incluso en zonas con grande afluencia de público durante a principal tempada turística”.
Vodafone mellora a súa cobertura móbil en Galicia de cara ao verán
Compartir Este Artigo
