Paseniño pero sen pausa fomos ficando sen tren de proximidade e, en substitución, cun AVE que non está ao alcance de tódolos petos, nin moito menos. O feito de viaxar está hoxe en día complicado, cos combustibles fósiles polas nubes, os coches eléctricos sen autonomía de abondo (e moi caros) e as compañías aéreas sumando unha taxa tras outra ao prezo orixinal. Hai quen pensa que a solución estaría no AVE, se estivese máis barato. Para facilitar esta realidade paralela, vén de xurdir na Rede un servizo web que nos permite viaxar neste comboio ata un 60% máis barato. Cal é a clave disto? Pois compartir mesa, algo que non está nada mal sempre e cando non che toque partillala cun viaxeiro á procura dunha orella á que contarlle a súa vida.
Segundo informan os responsables de www.comparteave.com, así se chama este servizo, estamos ante unha ferramenta moi devecida por todos aqueles que queiran viaxar dun xeito rápido, cómodo e que ademais teñan un orzamento axustado. O prezo, a través desta web, pode ser ata un 60% máis barato sobre a tarifa estándar de Renfe. As mesas do AVE a compartir consisten en dous asentos enfrontados a outros dous e separados por unha mesa común. Para gozar deste desconto, Renfe obriga a adquirir os catro billetes xuntos. “Con todo”, informan os responsables do novo servizo en liña (a empresa Comparteave), “non sempre se viaxa en grupo, así que Comparteave busca os compañeiros precisos de viaxe e encárgase da xestión e compra dos billetes”. A través desta web, engádese, o usuario non ten máis que solicitar o seu billete, especificando a data, hora e traxecto nos que lle interesa viaxar compartindo unha mesa. O equipo de Comparteave ponse automaticamente en marcha para procurarlle compañeiros de viaxe e, no momento en que obtén as prazas, contacta co devandito usuario para proceder ao pago e envío do billete, previa confirmación por parte do interesado. Segundo Comparteave, existen redes sociais e foros coa mesma finalidade, pero non ofrecen as mesmas vantaxes nin facilidades. Xa se pode ver un vídeo en YouTube de como funciona este servizo.
Xorde unha web para viaxar máis barato no AVE compartindo mesa
Compartir Este Artigo
