En tempos coma estes que vivimos, de paro e recortes, a vella máxima de apertarse o cinto cando o nivel de vida antigo xa non se pode manter está por desgraza á orde do día. Hai quen dá coa fórmula de prescindir do superfluo a nivel económico, e hai quen precisa axuda. Para estes últimos diríxese precisamente a aplicación Os Teus Gastos, que xa está operativa na Rede para botarlles unha man aos usuarios que non son quen de levar un control das súas compras e dispendios, a xuízo dos responsables da ferramenta, causantes en boa medida de certos desequilibrio orzamentais do verán que logo, e nunca mellor dito, pasan factura.
Os Teus Gastos é unha aplicación gratuíta deseñada para iOS e Android en todo tipo de dispositivos móbiles e desenvolvida por Myvalue, a empresa especializada en ofrecer aos seus usuarios unha información unificada de todas as súas finanzas para que poidan planificar mellor as súas contas persoais e tomar decisións sobre elas. A aplicación, explica a dita empresa, está inspirada no coñecido como Factor Latte, un concepto creado polo economista David Bach que se popularizou cando Starbucks comezou a expandirse e que se refire ao dispendio que unha persoa fai ao comprar un café latte todos os días e o que podería gañar no futuro se investise ese diñeiro no canto de gastalo nese café.
Sobre o método de emprego, dicir que unha vez instalada a aplicación no noso smartphone, poderemos rexistrar os gastos diarios en diferentes categorías. A sincronización opcional con MyValue permite coñecer en todo momento o balance real. “Desta forma, a final de mes obtén información precisa e completa acerca dos seus gastos”, explícase.
Dispoñible unha aplicación que nos bota unha man á hora de controlar os gastos cotiáns
Compartir Este Artigo
