Para todos aqueles emprendedores que estean a procurar apoios profesionais e orzamentarios para as súas ideas, dicirlles que o prazo para presentaren a inscrición do seu proxecto empresarial a Vindeira Capital Network aínda está aberto, concretamente ata o vindeiro 6 de setembro. Recordar que VCN é unha iniciativa promovida polo Clúster TIC Galicia e máis a Plataforma Tecnolóxica Vindeira e que se dirixe, sobre todo, a crear e dispoñibilizar investimento, público e privado (pero principalmente capital risco) para pór en marcha dende a nosa terra empresas innovadoras ou para innovar aquelas que xa estean en marcha.
Vindeira Capital Network ten en boa medida unha faciana visible ou eixe de operacións: o Encontro VCN, que chega en 2013 á súa cuarta edición e que se dirixe a xuntar, nun único espazo de comunicación, a quen ten en mente un novo proxecto empresarial e a quen ten a capacidade de achegarlle o combustible preciso. Por outra banda e co fin de mellorar as posibilidades das empresas á hora de captar financiamento, desenvólvese unha formación especializada previa ao encontro a través da Vindeira Venture Academy, segunda edición do programa de formación ligado á iniciativa. Este ano, segundo informa a organización, hai unha novidade a ter en conta ao abeiro do devandito, e é o seu enfoque multisectorial. Deste xeito, poderán participar proxectos empresariais de múltiples sectores económicos da nosa terra, non só o das novas tecnoloxías da información (o sector TIC, por tradición o protagonista destes encontros), senón tamén o biotecnolóxico, o agroalimentario, o audiovisual ou o sector da automoción.
O formulario de inscrición, así como máis información sobre VCN, está dispoñible na web oficial da iniciativa.
Que é Vindeira Capital Network?
VCN encamíñase a pór en xogo innovación e os recursos precisos para acadala. Segundo informan os seus promotores, hoxe en día “as probabilidades de manter unha industria TIC sustentable e próspera en Galicia son practicamente inexistentes sen unha estratexia de innovación axeitada nun sector particularmente globalizado como o TIC”. Vindeira Capital Network é, pois, unha iniciativa que pretende reunir a investidores, analistas e emprendedores co obxectivo de moldear o futuro do investimento no sector TIC galego, permitindo así pór en marcha o proceso de creación dunha estrutura de capital risco estable para o noso tecido tecnolóxico-dixital. VCN, polo tanto, pretende construír unha canle de comunicación estable entre os emprendedores galegos e os investidores que poidan estar interesados nas súas ideas, “unha rede que resulte positiva para todas as partes”, engádese.
Vindeira Capital Network celebrouse por primeira vez en 2010 e veuse celebrando de forma ininterrompida anualmente en distintas datas. Como dixemos, o programa está organizado por Vindeira, a Plataforma Tecnolóxica do TIC, en estreita colaboración co Cluster TIC de Galicia.
Vindeira Capital Network estende prazo de inscrición e reforza a súa aposta pola innovación e o investimento
Compartir Este Artigo
