Os misterios do capitalismo e do neoliberalismo non hai quen os entenda. Podemos captar algo dos detalles xerais, pero das sutilezas, que é onde de verdade está o miolo, o común dos internautas non imos entender gran cousa (entender no sendo de compartir ou de relacionarse). Un exemplo disto é que aconteceu estes días en Wall Street en relación a dúas empresas que nos tocan de preto, os xigantes tecnolóxicos Google e Microsoft. Pois ben, o acontecido ten que ver co diñeiro dos seus investidores, que se viu reducido en 40.000 millóns de dólares en menos de tres cuartos de hora. Non se trata, nin moito menos, dunha cantidade pequena, e o curioso é que se perdese en tan pouco tempo. Porén, de pensalo máis de vagar, o tempo é o de menos.
Os motivos de todo isto están nos resultados de ámbalas compañías no segundo trimestre do ano, por debaixo do agardado no mercado. Consecuencia disto: a devandita perda na bolsa. Unha perda que, por outra banda, pódenos parecer moi grande (con ese diñeiro solucionaríanse os problemas do noso naval, e sobraría moito para axudar ás familias en risco de desafiuzamento ou aos afectados polas preferentes), pero para as devanditas compañías non vai máis alá dun problema ou contratempo con visos de solucionarse a medio prazo. De feito, os 40.000 millóns de dólares representan o 5% do seu valor. Volvendo ás razóns do acontecido, dicir que os beneficios de Google foron de 3.230 millóns de dólares, case un 10% menos do agardado. A culpa disto radica, basicamente, nos intres de transición que estamos a vivir, dende os computadores aos teléfonos intelixentes e tablets, dispositivos nos que os beneficios por publicidade non son tan grandes. Pola súa parte, Microsoft reséntese polo mesmo: o seu mercado principal, o dos computadores, está a esmorecer.
Os investidores en Microsoft e Google perderon 40.000 millóns de dólares en menos de tres cuartos de hora
Compartir Este Artigo
